Congreso

Néstor Rego denuncia a cadea de mentiras de Rueda na crise dos pellets e critica a falta de axilidade de Salvamento

Néstor Rego
O deputado do BNG subliñou a “incompetencia da Xunta, mais preocupada en manipular e botar a culpa aos demais” e a pouca dilixencia do Goberno español. Non houbo coordinación.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, interveu na comparecencia no pleno do Ministro de Transportes polo vertido de pellets, para poñer de manifesto a incompetencia e as mentiras da Xunta na xestión desta crise e tamén a falta de celeridade do Goberno español.

“O PP trasladou a campaña ás Cortes porque non confían en Rueda”

Rego botou man da ironía porque “definitivamente, o PP trasladou a campaña galega ao Congreso porque está claro que non confían en que o seu candidato, Rueda, sexa capaz de se desenvolver por si só após do desastre no debate da TVG”.

O deputado do BNG acusou ao PP de “facer o que levan facendo nos últimos 15 anos: botar a culpa aos demais da súa incompetencia e incapacidade por resolver os problemas da Galiza”.

Deixou claro que o Goberno español ten a súa responsabilidade “e ímola reclamar”, mais que “sexa o PP que no Goberno galego ocultou a marea de pellets ao sector e á sociedade, que manipulou, que mentiu, que se mantivo paralizado sen actuar até que o clamor social foi enxordecedor, é unha mostra máis do cinismo e a hipocresía con que actúan”.

Reprochou ao PP de non ter ningún interese en reclamar e asumir as competencias en salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña cando “no máximo do absurdo, esas competencias residen en Madrid que está a 600 km terra dentro”. “Non as queren, entre outras cousas porque iso non lles permitiría encubrir a súa incapacidade botando a culpa aos demais”. Criticou que nin siquera exercesen as propias competencias, lembrando que en 15 anos de goberno na Xunta o PP reclamou cero competencias e garantiu que o BNG si reclamará as competencias na materia.

Salvamento non actuou con celeridade

No lado do Goberno do Estado, Rego enfatizou que “tampouco o fixo adecuadamente” xa que non actuou con axilidade a pesar de ter información: o 8 de decembro o Centro de  Coordinación de Salvamento de Fisterra recibe comunicación do “Toconao” da perda de 6 contenedores e é trasladada ao CNCS en Madrid, este último non ordenou a busca dos contenedores, mesmo sabendo que podería supor un perigo”. Entre o 8 e o 13 de decembro tamén se reciben informacións por parte da armadora “sen que se fixese nada”. Polo tanto, “Salvamento non actuou nin con celeridade nin con dilixencia”.

A cadea de mentiras de Rueda

O 20 de decembro fíxose a primeira comunicación oficial que cualificou de tardía “mais aínda así o Goberno de Rueda non fixo nada até o 5 de xaneiro”, un tempo que adicou a “ocultar o problema e a súa magnitude ao sector, aos concellos e á sociedade”. Rego continuou coa cronoloxía dos feitos: o 4 de xaneiro a Xunta dille aos concellos que a competencia para a recollida dos pellets é súa, até o día 5 non activaron o Plan Camgal en nivel 1 e non será até o 9 cando o eleven a nivel 2, “despois de moitas críticas e de que se adiantase Asturias”.

Acusou a Rueda de “mentir cando dixo que o Goberno non o informara até o 3 de xaneiro”. Era público que o día 13 recibiron chamadas no 112 da chegada de pellets ás praias e o sabían”. A pesar diso, enfatizou, “preferiron ocultalo”.

Néstor Rego subliñou que a costa galega “continúa tan desprotexida frente a vertidos contaminantes hoxe como hai 22 anos co desastre do Prestige, aquela marea negra que o PP agrandou coa súa pésima xestión desde o goberno galego e o español”. 

Finalizou sinalando que “a maioría da sociedade galega xa é plenamente consciente de todo isto e actuará en consecuencia” ante a “marea de incompetencia, mentiras e manipulación por parte do PP. Hai 22 anos tivemos unha marea negra de chapapote, agora houbo unha marea branca de pellets”.