Néstor Rego defenderá no Congreso competencias de xestión galega en materia medioambiental
O candidato do BNG comparte o compromiso na defensa da terra cos grupos ecoloxistas
Presenta as propostas que defenderá no Congreso para garantir a sustentabilidade
O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego, reuniuse con representantes de grupos ecoloxistas para trasladarlles as propostas do programa que, segundo sinalou, "dá conta do compromiso medioambiental que defenderemos en Madrid". Entre outras iniciativas, o programa contempla unha política activa que combata o cambio climático e exixirá competencias de xestión galega en materia medioambiental.
Néstor Rego participou nunha xuntanza con responsábeis de grupos de defensa da terra para lle presentar as propostas ecoloxistas co que o BNG concorre ás vindeiras eleccións xerais que, segundo insistiu, "sintetizase nunha política que garanta a sustentabilidade para as xeracións vindeiras e que atravesa todos os ámbitos do programa".
Segundo explicou os criterios sustentábeis están presentes en todo un programa que se centra de maneira especial nas cuestións que dependen directamente do Estado. "Ademais da aposta decidida polo ecoloxismo e comprometernos nas loitas na defensa da terra, onde demostramos unha práctica continuada, o BNG inclúe medidas que poñan fin a políticas actuais que están a ter consecuencias moi destrutivas sobre a nosa terra", explicou.
Defendeu, desta maneira, a capacidade a decidir tamén en materia ambiental para aplicar políticas de sustentabilidade social e ambiental e, nesta altura, defender a aplicación de modelos socioeconómicos sustentábeis e que non consuman recursos de maneira destrutiva para o planeta.
Apostar por un modelo económico que teña en conta os límites do sistema ecolóxico, adaptar o modelo económico a un futuro sen enerxías fósiles e obrigar a internalizar os custos ambientais nas actividades contaminantes. son algúns dos puntos que inclúe un programa que tamén contempla a exixencia de cumprimento escrupuloso da lexislación medioambiental e de residuos, o que non se está a facer sen custos algúns para quen incumpre as leis.
Competencias galegas
O BNG exixirá no Congreso a derrogación das reformas da Lei de Costas, de Responsabilidade Medioambiental, de Impacto Ambiental e a Lei de Parques Nacionais, porque invaden competencias galegas ademais de demandar o traspaso das competencias sobre Costas e cuncas Hidrográficas para garantir a competencia de xestión galega sobre o medio ambiente.
Néstor Rego anunciou tamén que defenderá no Congreso a ampliación das áreas protexidas da Rede Natura 2000 e o desenvolvemento de políticas encamiñadas á protección da biodiversidade, tanto mariña como terrestre ademais de plans de conservación de especies mariñas protexidas.
As rías ocupan un lugar especial no programa medioambiental do BNG e, neste sentido, inclúese o saneamento integral ou a revocación da prórroga de Ence. Recoñecer a propiedade comunitaria do monte e a consideración do eucalipto como especie invasora limitando o seu cultivo para implantar un novo sistema integral de explotación económica do monte son outros dos apartados do programa ecoloxista co que o BNG concorre ás vindeiras eleccións.