Néstor Rego defende en Viveiro a nacionalización de Alcoa para garantir a continuidade dos postos de traballo
O deputado do BNG salienta que “o Goberno central e a Xunta de Galiza non poden seguir esperando a que a dirección de Alcoa execute a decisión de fechar e o despido de preto de 1000 traballadores e traballadoras”.
Rego enfatiza que despois de 12 de xuño ten que haber en Galiza un goberno que aposte realmente polo noso país, pola industria e polo desenvolvemento económico e iso só o garante un goberno presidido polo Bloque Nacionalista Galego, por Ana Pontón.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, na súa primeira intervención na Galiza, após de tres meses de confinamento voluntario en Madrid, defendeu en Viveiro a necesidade da intervención pública para nacionalizar a planta de aluminio de Alcoa e garantir desta maneira que continúe a actividade e que se manteña a totalidade dos postos de traballo.
O deputado nacionalista que participou nun mitin do Bloque Nacionalista Galego en que tamén interviron Ana Ermida, responsábel comarcal do BNG, Dani Castro, nº2 por Lugo ao Parlamento galego e Míriam Bermúdez, concelleira en Viveiro, enfatiza que “é sorprendente que tanto o Goberno central como a Xunta de Galiza non pasen das declaracións aos feitos unha vez que xa a dirección de Alcoa anunciou a decisión de o día 25 iniciar o procedemento formal do despedimento de máis 534 traballadores e traballadoras de Alcoa e como consecuencia un número similar de empresas auxiliares. Máis aínda cando a dirección de Alcoa se encerra en banda a venda da planta de aluminio, o que deixa como única alternativa a nacionalización da empresa para garantir que poida continuar a actividade e se manteñan os postos de traballo”.
O BNG en Madrid leva todo este tempo presentando propostas e iniciativas solicitando unha actuación por parte do Goberno. O deputado Néstor Rego anunciou que na próxima semana interpelará á Ministra de Industria para que aclare que actuación pensa desenvolver pero sobre todo, cremos que é a loita dos traballadores e traballadoras as que desbloquearán unha solución.
Néstor Rego cre que o cambio político na Galiza é absolutamente necesario e imprescindíbel para acabar coa crise social e económica, coa crise industrial tan grave xa anterior á emerxencia sanitaria e que agora se verá agravada, e coa crise demográfica que sistematicamente vén padecendo o noso país. Só un goberno do BNG que poña os intereses de Galiza por diante, que defenda a capacidade para que o noso país poida decidir soberanamente sobre os seus propias asuntos poda realmente mudar as cousas e o día 12 teremos a oportunidade de facelo.
Neste sentido a responsábel comarcal, Ana Ermida, destacou o bo goberno e a aposta por políticas de mellora social aplicadas alí onde goberna o BNG. Ermida subliñou que “os municipios que apostaron nas pasadas eleccións municipais polo cambio, por un goberno un goberno do BNG, volveron a repetir pola súa boa xestión”.
A concelleira de Viveiro, Míriam Bermúdez, fixo fincapé na situación que está a vivir a comarca. “Se falamos de infraestruturas, os veciños e veciñas de Viveiro sabemos ben o que é sufrir a falta de conexións, seguimos agardando por unha variante que permita desviar o tráfico pesado do casco, incluso despois de que a veciñanza chegase a un acordo de trazado e que dende a Xunta se aprobase, mais misteriosamente o señor Balseiro e compañía botaron todo por terra, paralizaron os trámites, deixaron pasar o tempo e agora aparécennos cunha megaponte sobre a ría sen ningunha previsión de prazos nin orzamentos” destacou a concelleira nacionalista.
Por último, o número dous por Lugo, Daniel Castro, resaltou o futuro que lle espera a mocidade na comarca. Castro explicou que “falar do futuro desta comarca, do futuro dos mozos e mozas da Mariña. Que comarca lle espera á mocidade mariñá? -pregúntase- A comarca do paro, a comarca sen saídas laborais, a comarca dos peches de Ecar, Maderas Lorenzo, ECESA, Gres Burela, IPV, Macesa, Conservas Alonso, Muebles Hermida e Alcoa. Todos e todas sabemos que esta comarca que nos deixan é sinónimo de emigración, de avellentamento e de pouca prosperidade, mais isto o BNG non o vai permitir”. E Finalizaba con que o BNG négase a deixar que A Mariña morra e leve consigo a toda a mocidade que terá que seguir emigrando a outros territorios de dentro e fóra do Estado.