Néstor Rego defende en San Cibrao futuro para A Mariña

Néstor Rego
Néstor Rego

O BNG levou ao Congreso as principais necesidades da comarca en forma de emendas aos orzamentos do Estado que garantirían o desenvolvemento da actividade económica, o mantemento dos postos de traballo e darían alternativas reais de futuro.

A modernización das infraestruturas ferroviarias, a mellora nas estradas e o inicio dos tramos da A-74, a apertura do dique de Morás para uso comercial e o mantemento da actividade industrial en Alcoa, Vestas e o resto de empresas da comarca son as prioridades do BNG.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun acto público na Mariña para trasladar as propostas que o BNG presentou aos Orzamentos do Estado para 2022 para garantir desenvolvemento económico, laboral e social da comarca. Destaca a emenda sobre a intervención pública de Alcoa pola SEPI que permitiría establecer un proxecto industrial solvente, pero tamén considera imprescindíbeis os investimentos en infraestruturas ferroviarias e nas comunicacións por estrada e mellorar así a comunicación da Mariña co resto da Galiza e do Estado.

No acto celebrado na Casa da Cultura de San Cibrao tamén interviñeron a responsábel comarcal de Galiza Nova, Pilar Vázquez, e o voceiro municipal do BNG en Cervo, Diego Fernández. Rego comezou falando do investimento territorializado previsto nos Orzamentos para 2022, nas que Galiza parte dunha posición mellor, ao rexistrarse un incremento do mesmo respecto do previsto no ano anterior. “Non cabe dúbida de que a posición de firmeza do BNG nas contas de 2021, denunciando a discriminación ao noso País e votando en contra, foi útil e provocou unha rectificación por parte do Goberno” explica Rego.

Porén, esa suba, a xuízo do BNG, no chega para compensar o déficit histórico en materia de infraestruturas e a baixada do anterior exercicio, por iso o BNG fixo máis de trescentas propostas de investimentos necesarios para a recuperación e o avance social e económico do noso País. “As emendas do BNG poñen o foco nas actuacións imprescindíbeis para Galiza, e van desde reclamar a modernización na nosa rede ferroviaria interna e a implantación do servizo de cercanías nas áreas metropolitanas até o desenvolvemento de plans de futuro para o sector naval, para a transición xusta nas comarcas afectadas polo peche das térmicas ou para o saneamento das rías e ríos da Galiza. Pero tamén fixemos propostas de política social, reclamando a suba nas pensións mínimas, o financiamento da dependencia, a baixada do IVE ao 4% nos produtos básicos como a luz e o peixe ou eliminando a discriminación por ter dous pagadores no IRPF, entre outros” expón o deputado Néstor Rego.

As emendas do BNG para a comarca da Mariña tiñan como obxectivo aumentar o investimento en materia de infraestruturas para asegurar o futuro do desenvolvemento económico e industrial da comarca. Presentaron emendas para conectar e vertebrar o territorio a través da futura A-74, coa construción dun enlace co polígono industrial de Barreiros, así como a comezo da autovía nos tramos Barreiros-San Cibrao.

“O tramo da N-634 entre Lourenzá e Barreiros precisa dunha reparación do seu firme, por iso presentamos unha emenda para que se leve a cabo unha actuación integral. Entre Mondoñedo e Abadín, quixemos que existise unha partida orzamentaria para prolongar o terceiro carril até a rotonda coa A-8 no Alto da Xesta” explica o deputado do BNG, co obxectivo de mellorar a seguranza viaria e a favorecer a fluidez do tráfico. En materia de seguranza viaria, a organización frentista tamén rexistrou emendas para a construción de rotondas na entrada de Foz, no cruzamento da N-642 coa LU-152 e na N-642 coa LU-162.

Así mesmo, lembra a emenda para a redacción do proxecto de adaptación do dique norte de Morás para a súa futura dedicación a usos comerciais, así como a construción do acceso central ao porto de Ribadeo. Nesta parte da comarca, a formación nacionalista tamén quixo levar a cabo a primeira fase de rehabilitación como senda verde do tren mineiro entre Ribadeo e A Pontenova. Ademáis, a modernización da liña do FEVE entre Ferrol e Ribadeo, actualizando as infraestruturas e incrementando as frecuencias para que funcione como un verdadeiro servizo de tren de proximidade como alternativa de transporte sustentábel foi outra das propostas do BNG.

A nula vontade do Goberno de incorporar ningunha das propostas para incrementar o investimento na Galiza levou a “abstención crítica” da formación nacionalista na votación dos Orzamentos. “Os partidos do Goberno terán que explicar a todos os galegos e galegas porqué non incorporaron aos orzamentos as necesidades do noso País” declarou Rego, “mais o BNG seguirá a defender con firmeza os intereses da Galiza”.

Solución para a crise industrial da Mariña

Para o BNG é un obxectivo prioritario a solución á crise industrial inmersa na Galiza. “Vulcano, Barreiras,  Aluibérica, As Pontes,  Siemens  Gamesa,  Vestas, Alcoa... Todas elas en risco de cesar a súa actividade e a perda de milleiros de postos de traballo” lembra o deputado nacionalista. “Presentamos emendas e fixemos especial fincapé nalgunhas delas, así, xa dixemos que o BNG tería votado a favor dos Orzamentos se o Goberno aceptara a intervención pública de Alcoa”  manifesta Rego.

“Se París ben vale unha misa, a actividade económica e os postos de traballo da Mariña ben vale o voto favorábel do BNG. Non temos ningunha dúbida. Apoiaríamos os orzamentos a cambio da intervención pública de Alcoa” explica Néstor Rego.

Lamentabelmente, o PSOE non estivo disposto a dar ese paso, “dando as costas aos milleiros de persoas que levan anos loitando por unha solución de futuro e que o pasado día 17 saíron masivamente á rúa nunha folga xeral para reclamar a actuación dos gobernos  galego e español que resolvan a crise social, económica e industrial desta comarca”. “Tamén o PP terá que dar explicacións, pois só uns días antes Feixoo pedira a intervención pública, mais cando chegou o momento de votar en Madrid, púxose en contra dos intereses dos galegos e galegas e votou en contra da adquisición de Alcoa pola SEPI” continúa o deputado nacionalista.

“Sempre dixemos que nos gustaría poder votar a favor destes orzamentos porque iso significaría que eran bos para Galiza. Mais non podemos apoialos porque poderían ser mellores. Faltou vontade por parte do Goberno para conseguilo. Unha oportunidade perdida de tratar con xustiza ao noso País” declara Rego que remata a súa intervención sinalando a necesidade de que Galiza conte cun “Grupo Galego” cun maior peso político para defender os intereses dos galegos e galegas. “O BNG seguirá traballando con coherencia en defensa de intereses de Galiza, das clases populares e das maiorías sociais do noso País” finalizou Rego. 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG