Néstor Rego comprométese a contribuír desde o Congreso á paralización do proxecto de mina de Touro
O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego reuniuse con representantes da Plataforma Mina Touro-O Pino NON nunha visita á zona afectada polo proxecto mineiro na que anunciou que levará a Madrid á loita contra a súa apertura e contra a utilización dos terreos como macrovertedoiro.
O candidato Néstor Rego trasladou a representantes da Plataforma Mina Touro-O Pino Non o compromiso do Bloque coa paralización do proxecto mineiro, debate que defendeu tanto no Parlamento Galego como na Eurocámara e que levará ao Congreso a partir do vindeiro 10 de novembro.
Entre as propostas que Néstor Rego defendeu a paralización da conversión de minas e canteiras en vertedoiros, o que afecta a Touro- O Pino e tamén á canteira de Casalonga, no concello de Teo, zona que visitou a pasada semana para reunirse tamén con representantes da veciñanza afectada e comprometeuse a levar ao Congreso a cuestión.
"Trasladaremos ao Congreso oposición ao actual proxecto de reapertura da mina por parte de Cobre San Rafael e defendemos as modificacións lexislativas necesarias para impedir novas ameazas sobre a nosa terra", sinalou Néstor Rego que demandará tamén a necesidade de restauración dos terreos e augas da anterior explotación.
Denunciou que o proxecto mineiro que afecta territorio dos concellos de Touro e O Pino supón un perigo non só en canto contaminación e acumulación de residuos senón tamén como ameaza a outras actividades da zona, en especial, as agropecuarias.
O proxecto ampliaría a zona mineira xa existente até un total de 122 quilómetros cadrados, afectando non só as explotacións agrícolas e gandeiras senón tamén contaminando ríos e mananciais e modificando a paisaxe da zona pola que atravesa o Camiño Francés.
Lembrou o candidato nacionalista o compromiso do BNG coa loita da Plataforma Mina Touro-O Pino e referiuse tamén ao labor da portavoz en Europa, Ana Miranda,que levou á axenda europea as denuncias contra a contaminación causada polo proxecto mineiro que se tratarán na sesión de novembro da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Ana Miranda reclamou tamén que unha misión europea se desprazase a Touro para comprobar os efectos do proxecto e o rexeitamento social que provoca.