Néstor Rego: “Comprometémos a ser a voz da cidadanía de Santiago de Compostela no Congreso”
Goretti Sanmartín mantivo un encontro co deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, sobre as prioridades e necesidades da cidade de Santiago de Compostela de cara á nova lexislatura. “O BNG é a forza útil para Santiago de Compostela e para frear a dereita e a ultradereita no Congreso”, destacou Néstor Rego.
En declaracións aos medios na praza do Obradoiro, Goretti Sanmartín destacou que “Néstor Rego é veciño de Santiago e coñecedor das débedas históricas deste concello por parte do Goberno español e presentou xa numerosas iniciativas a ese respecto nos últimos catro anos no Congreso”. Tamén analizaron as posibilidades “para abrir o escenario do futuro que se formula a partir do 23 de xullo, coas elección xerais, non só para manter os temas vivos senón para solucionar os temas que fican pendentes”.
Neste contexto de campaña electoral a piques de comezar, tendo en conta “o traballo inmenso de Néstor Rego no Congreso” Nun momento en que hai moita poboación de Santiago de Compostela que optou por darlle a confianza ao BNG para conseguir a Alcaldía, Goretti Sanmartín pediulle “a toda a xente xa colleu a papeleta do BNG e que sabe que esta é a alternativa necesaria que defende os intereses de Galiza e de Santiago de Compostela que opte por darlle a confianza a esta candidatura encabezada por Néstor Rego”.
Pola súa parte, o candidato Néstor Rego destacou que a alcaldesa Goretti Sanmartín “está xerando unha onda de esperanza para mudar en positivo Santiago de Compostela porque vai estar preocupada por mellorar o progreso, o benestar e a calidade de vida de todos os santiagueses e santiaguesas e iso vaise reflectir nas relacións con outras administracións”.
“Con Goretti Sanmartín temos unha alcaldesa que vai estar permanentemente activa no diálogo e nas reclamacións, se for preciso, diante doutras administracións para que cumpran con Santiago de Compostela”. Non vai haber ningún tipo de submisión a directrices alleas e con iso Santiago de Compostela sae gañando, enfatizou. “Como somos unha organización política seria, coherente e responsábel imos traballar todas a unha”, engadiu o candidato.
Así, explicou que como deputado no Congreso xa levou numerosas cuestións que interesan aos composteláns e compostelás, con iniciativas específicas e con emendas aos Orzamentos do Estado e comprometeuse a facelas realidade.
Ademais, Goretti Sanmartín destacou entre os temas analizados a necesidade de concluír as obras de humanización da rotonda de Conxo pois “a pesar de pasaren ministros e ministras a facerse a foto segue sen resolverse e continúe o barrio fragmentado e con problemas de seguranza”. Esta é unha das urxencias que ten este barrio de Santiago de Compostela e que, desde o punto de vista orzamentario, non significa unha cantidade importante para o Ministerio de Fomento, para poñer pantallas de insonorización e facer a integración paisaxística, con mellora de accesibilidade e seguranza.
Outra das medidas é a estación de mercadorías da Sionlla, unha infraestrutura necesaria para o transporte ferroviario desde os polígonos industriais de Santiago de Compostela e o novo Polo Biotecnolóxico da Galiza, para conseguir unha boa distribución e mellorar o seu funcionamento.
Ademais, citou a creación dun centro da UNED en Santiago de Compostela, xa que existe unha alta demanda para cursar estudos universitarios a distancia e son centos de persoas as que teñen que desprazarse aos centros doutras cidades.
“A modernización das infraestruturas ferroviarias é un dos obxectivos que debemos ter como país, coa aposta por un modelo de mobilidade eficaz e eficiente e sustentábel tanto para persoas pasaxeiras como de mercadorías, para o que cómpre complementar a modernización da rede ferroviaria particularmente co corredor atlántico e coas autoestradas ferroviarias en que o Estado non tiña prevista esta actuación en Galiza para esa intermodalidade entre camións e transporte por estrada para conectar, por exemplo, Santiago de Compostela con Lugo”, sinalou. É unha anomalía que dúas cidades galega non estean conectadas por ferrocarril cando falta un tramo de menos de 30 quilómetros entre Curtis e Ordes, cando é unha cuestión de vontade política.
O BNG vai reclamar a creación de novos xulgados de violencia de xénero e un deles en Santiago de Compostela. “As declaracións deben ir acompañadas de accións, precísanse instrumentos para poder avanzar contra a violencia de xénero”, explicou Néstor Rego.
Destacou tamén a reclamación á SAREB para que ceda a Santiago de Compostela a parcela de Peleteiro e “sería unha boa noticia porque o Estado cumprise o seu compromiso de pór os inmóbeis e solares a disposición dunha política de vivenda pública que contribúa a resolver o problema deste momento, ademais de dotar de espazos públicos e de equipamentos que precisa o Ensanche compostelán”. Así, lembrou que este era un compromiso de Pedro Sánchez.
A voz da cidadanía de Santiago no Congreso
“Comprometémonos a ser a voz da cidadanía de Santiago de Compostela no Congreso e por iso pedimos máis forza para termos unha representación maior para ter un grupo galego que condicione as maiorías absolutas para defender os intereses de Galiza, para obrigar a que os compromisos se cumpran na realidade”, sinalou.
“Este é reto que temos e queremos que eses milleiros de persoas que confiaron no BNG nas pasadas eleccións, volvan confiar coa certeza de que somos unha forza política que non decepciona nin incumpre a palabra, como demostramos sobradamente”.
“Se do BNG depende, Feijóo, a dereita e a ultradereita ultra que van de ganchete non van estar no Goberno do Estado e con ese obxectivo imos seguir traballando para labrar un futuro positivo para o noso país e para a nosa cidade”, concluíu.