Congreso

Néstor Rego (BNG) será o primeiro deputado en intervir mañá en galego no Congreso

Néstor Rego

“O PPdeG votou en contra da lingua do País no Parlamento de Galiza e o PP, liderado por Feixóo, repetirá a mesma xogada mañá no Congreso”

“Desde que o BNG tivo representación nas Cortes sempre traballou a prol da normalización do uso do galego con iniciativas, como as de Francisco Rodríguez, e outras conxuntas con forzas soberanistas” afirma Rego

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, será o primeiro parlamentario en intervir en galego de forma íntegra na cámara baixa sen ser interrompido pola presidencia. A organización nacionalista lembra as numerosas iniciativas defendidas -tanto propias como conxuntas co resto de forzas soberanistas- a prol da normalización do uso do galego nas Cortes. Alén do máis, Rego critica a posición do Partido Popular de Galicia que, ademais de votar en contra no Parlamento de Galiza, tamén anunciou o voto en contra mañá no pleno do Congreso.

“Un paso simbólico mais necesario e importante para a normalización do uso do galego e o recoñecemento do carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe do Estado español” avanza o deputado do BNG. Néstor Rego, de feito, será o primeiro deputado en realizar unha intervención completa e integramente nunha lingua diferente do español -neste caso, o galego- na cámara baixa sen que sexa interrompido pola presidencia da cámara.

O deputado nacionalista lembra que a proposta de modificación do Regulamento xa foi levada a debate na pasada lexislatura a través dunha Proposición de Lei, asinada conxuntamente polo BNG, EH Bildu, CUP, ERC, Junts, PDeCAT e PNV. Esta Proposición de foi rexeitada cos votos en contra de PSOE, PP, VOX e Ciudadanos. “Semella que se fixo da necesidade virtude e agora os partidos estatais de esquerdas, un ano despois, votarán a favor de permitir o uso do galego, o euskera e o catalán no Congreso, rematando con esta anomalía democrática” enfatiza.

A prol do galego desde que o BNG está nas Cortes

A organización nacionalista, xunto a outras organizacións soberanistas de Euskal Herria e Catalunya, leva anos reclamando o uso do galego, euskera e catalán no Congreso. De facto, anteriores deputados do BNG como Francisco Rodríguez, Francisco Jorquera, Olaia Fernández ou Rosana Pérez, reclamaran xa a normalización do uso do galego na cámara baixa.

O Goberno, en resposta a unha iniciativa do BNG, respondía xa en 2006 que o Congreso tiña plena capacidade autoorganizativa para permitir o uso do galego na cámara baixa e mesmo botaba balóns fóra argumentando que eran as propias cámaras as que tiñan que regulalo nos seus respectivos regulamentos. “Case 20 anos despois desta reivindicación do deputado do BNG Francisco Rodríguez dáse un paso que, a pesar de ser simbólico, é importante por contribuír para a normalización do uso do galego no noso País” sinala Rego.

“O PPdeG votará en contra da lingua do País”

Por outra parte, Rego lembra que a pasada semana o Partido Popular de Galiza votou en contra dunha Proposición Non de Lei para apoiar o uso do galego no Congreso. “E anuncia o PP, liderado por Feixóo, que repetirá a mesma xogada na cámara baixa votando en contra da normalización da lingua galega. É unha posición indigna, propia de renegados da lingua e cultura do pobo galego.” conclúe.