O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun encontro coa veciñanza da Guarda para trasladar o traballo desenvolvido nos últimos dous anos en Madrid no que se mantivo sempre a coherencia na defensa dos intereses da Galiza e dos galegos e galegas.
Durante a súa intervención, Néstor Rego abordou cuestións de actualidade que van desde a posición do BNG no debate na recente reforma da normativa laboral, até a mellora dos servizos de transporte e as comunicacións no noso País, especialmente o transporte ferroviario, o novo espolio enerxético co boom eólico ao que está sometida a Galiza ou a escalada dos prezos de todos os bens de consumo que padece neste momento a cidadanía.
A respecto da reforma laboral, o deputado no Congreso, destacou o incumprimento dos compromisos que estabeleceran os partidos do Goberno, PSOE e UP, coa cidadanía, máis tamén co propio BNG e outras forzas políticas como condición para o apoio na investidura, de derrogar integramente a reforma laboral do PP de 2012, porén, “decidiron pórlle un parche e someterse aos ditados de Bruxelas e aos intereses da patronal” denuncia o voceiro nacionalista. Mais o BNG non renuncia seguir defendendo os intereses da clase traballadora e a recuperación dos dereitos laborais perdidos (indemnización por despido de 45 días, salarios de tramitación, prevalencia de convenios galegos, intervención da autoridade laboral nos despedimentos colectivos...) e por iso anuncia que rexistrará unha Proposición de Lei que derrogue realmente o recorte de dereitos, para iso “buscaremos o apoio de todas as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por considerala insuficiente frente ás promesas do executivo”.
Subliñou tamén a importancia de lograr a mellora dos servizos de trasporte na Galiza, especialmente o ferroviario, e destacou o traballo continuo do BNG neste sentido. A modernización das infraestruturas ferroviarias, o incremento de frecuencias e horarios e a súa adaptación ás necesidades das persoas usuarias, a recuperación de apeadeiros e estacións abandonadas, e o abaratamento dos billetes son os elementos imprescindíbeis para logralo.
Así mesmo fixo fincapé na actual loita de toda a Galiza contra a invasión eólica. Un novo espolio enerxético, que supón un grave ataque ao patrimonio natural, cultural, patrimonial e ambiental, ademais de afectar directamente a terreos agrarios e produtivos. “As administracións facilitan que grandes multinacionais implanten megaparques eólicos, cando Galiza xa é excedentaria na produción de enerxía, estragando o patrimonio, pero sen xerar riqueza no territorio, pois os beneficios non fican no noso País nin xeran emprego, é máis, seguimos a pagar unhas das facturas eléctricas máis caras do Estado” denuncia o deputado. Neste sentido defende a necesidade de implantar unha Tarifa Eléctrica Galega que compense polos custos ambientais e sociais da produción e abarate o custo para os consumidores e empresas na Galiza.