Néstor Rego: “O BNG está a favor de derrogar a sedición e en contra de agravar as desordes públicas”

Néstor Rego

A frente nacionalista mantén as emendas rexistradas ao texto para eliminar o delito de desordes públicas agravadas co obxectivo de non retroceder nas liberdades públicas e dereitos democráticos como o de manifestación

Néstor Rego sinala que esta norma regresiva non pode ser apoiada polo BNG por abrir a porta a ampliar a represión contra calquera actuación de disidencia política ou de malestar e protesta social

“Se de verdade se quere loitar contra a corrupción, débese ser máis estrito na redacción da proposta sobre o delito de enriquecemento ilícito” asevera Rego

O Bloque Nacionalista Galego, que se manifesta partidario de derrogar o delito de sedición, mostra a súa desconformidade coa Proposición de Lei presentada por PSOE e UP por introducir o delito de desordes públicas agravadas, que poderá ter unha aplicación máis ampla e ser  empregada para reprimir mobilizacións e protestas sociais. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta que, se non se rectificar e incorporar as emendas presentadas pola frente nacionalista que eliminan o delito de desordes públicas agravadas, o texto non poderá contar co seu apoio.

En relación ao delito de sedición, o deputado nacionalista entende que é un delito que debe ser derrogado de maneira urxente por “anacrónico e permitir unha utilización política por parte da xustiza para perseguir accións que, mesmo sendo pacíficas e democráticas, consideren un perigo para a continuidade do réxime de 78, como aconteceu en Cataluña ”. Da mesma maneira, a organización nacionalista sinala como positiva e necesaria a modificación do delito de malversación para desfacer a reforma do ano 2015 do PP, feita coa intención de perseguir a disidencia política e tendo en conta que, ademais, non responde ao principio de proporcionalidade.

Rego entende que a proposta que está sobre a mesa “mantén unha penalización elevada para aqueles casos en que se produza corrupción, con lucro persoal ou de terceiros, graduando a pena en función da actuación e despenalizando aquelas que non correspondan ao obxectivo de combate contra a corrupción senón que entren dentro da actuación política, que nunca debe ser cuestionada pola xustiza”.

En relación coa nova tipificación das “desordes públicas”, o deputado do BNG é contundente: “O delito de sedición debe ser derrogado, non substituído polo delito de desordes públicas agravadas que o que fai é penalizar un dereito democrático fundamental como o dereito de manifestación, o dereito de protesta” afirma. En opinión de Rego, esta lexislación permitirá pór en cuestión este dereito de maneira máis permanente e ampla, así como unha aplicación máis extensa da que tiña na actualidade “incrementando os limiares mínimos -de un a tres anos de prisión-, introducindo como tipificadas algunhas actuacións habituais nas manifestacións e mobilizacións da clase traballadora que serviron para conquistar ou manter dereitos- que de ningunha forma deben ser penalizados”.

O Bloque Nacionalista Galego, por tanto, de ningunha maneira poderá apoiar unha proposta que pase por criminalizar a mobilización popular. Néstor Rego entende que aínda hai tempo para incorporar as emendas do BNG e modificar o texto, eliminando as mudanzas introducidas en relación coas “desorde públicas” e advirte que, se PSOE e UP non rectifican e aceptan as emendas presentadas pola frente nacionalista, o BNG votará en contra da Proposición de Lei. Neste sentido, manterá vivas as emendas para a súa votación no pleno do Congreso.

“A pasada sexta feira asinabamos, xunto con outras 10 organizacións políticas, sindicais e sociais, un Manifesto baixo o lema Pola defensa dos dereitos democráticos e das liberdades públicas. Non ao delito de desordes públicas agravadas e facíamos un chamamento á mobilización para mañá, quarta feira ás 19.30 horas, a través de concentracións diante da Delegación e Subdelegacións do Goberno do Estado na Galiza” apunta o deputado nacionalista.

Loita contra a corrupción

A proposta rexistrada polo PSOE sobre o delito de enriquecemento ilícito é “demasiado flexíbel e insuficiente” para a organización nacionalista. “O limiar que estabelece de 250.000 euros é demasiado laxo por se tratar dunha cantidade moi elevada. Do punto de vista penal, non se xustifica que mentres no caso da malversación a cantidade mínima sexa de 4.000 euros, no caso do enriquecemento se estabeleza en 250 mil euros” exemplifica o deputado. “Que acontece con aqueles cargos públicos que teñan un incremento patrimonial non xustificado de, por caso, 200.000 euros? Do noso punto de vista, todo incremento patrimonial que non corresponda ao salario debe ser xustificado.”

En segundo lugar, a frente nacionalista indica que este tipo debe prever a aplicación a todas aquelas persoas que exerzan cargos públicos “con ou sen remuneración”. Tal e como está redactada a proposta, deixa fóra cargos públicos con remuneración das administración públicas por non teren a condición de autoridade. “Concelleiros ou concelleiras da oposición ou mesmo do propio goberno municipal mais que non teñan delegación por parte da alcaldía” exemplifica o deputado do BNG.

“Se de verdade se quere loitar contra a corrupción, débese ser máis estrito na redacción desta proposta” asevera Rego.