Néstor Rego: “O BNG está e estará no Congreso para defender os intereses da Galiza e as clases populares”
O BNG, moi crítico co Goberno do Estado, exixe políticas verdadeiramente de esquerdas “realmente transformadoras e de recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado” na recta final da lexislatura
Néstor Rego rexeita a moción de censura, formulada pola ultradereita, por representar un modelo “machista, homófobo, supremacista españolista, profundamente antidemocrático” que seguirá na marxinalidade na Galiza
Frente aos modelos caducos que representan os partidos estatais, Néstor Rego aposta por aumentar a representación do BNG nos seguintes comicios e camiñar cara un horizonte de progreso, benestar e democracia
Durante o debate no Congreso da moción de censura presentada polo grupo da ultradereita da cámara, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mostra o rexeitamento da frente nacionalista á alternativa que representa a dereita ultra e a ultradereita. Rego destaca o papel do BNG na cámara baixa na defensa dos intereses da Galiza, das clases populares e políticas verdadeiramente transformadoras en beneficio das maiorías sociais. Alén do máis, frente ao modelo da ultradereita -machista, supremacista españolista e fondamente antidemocrático- o BNG aspira a camiñar para un horizonte galego e republicano, de progreso, benestar e democracia: para unha Galiza soberana e libre.
“Estamos diante dunha moción de censura que responde exclusivamente á axenda política e mediática da ultradereita na súa estratexia de extensión das políticas de odio, baseadas en cuestionar os dereitos das mulleres, do colectivo LGTB, dos inmigrantes e dos pobos que, como Galiza, estamos integrados no Estado español, negando a nosa condición de nación, a nosa lingua e a nosa cultura” comeza o deputado do BNG na súa intervención. Un modelo -o da ultradereita- “machista, homófobo, supremacista españolista, profundamente antidemocrático” que permanece na marxinalidade na Galiza e, adianta Rego, volverá a quedar fóra “porque o BNG volverá a ser muralla contra o fascismo”.
Neste sentido, o deputado nacionalista, alén de rexeitar a moción de censura presentada pola ultra dereita, presenta o BNG como a “forza democrática e republicana que seguirá a traballar e combater con absoluta firmeza as políticas de odio coa forza da razón e coa vontade democrática do noso pobo”. “O BNG está neste Congreso para defender os intereses da Galiza, das súas clases populares, e políticas verdadeiramente transformadoras en beneficio das maiorías sociais. Para reclamar a reindustrialización e o emprego; exixir maiores investimentos en infraestruturas, especialmente ferroviarias; defender os nosos sectores primarios, ou combater o espolio eólico colonial que ameaza á Galiza” exemplifica.
“Estamos para loitar por salarios e pensións dignas, fortalecer os servizos públicos, e unha fiscalidade xusta e redistributiva. Por políticas de paz frente ao belicismo rampante. Por certo, convén lembralo hoxe cando se fan 20 anos da ilegal invasión de Iraq en que Aznar meteu o Estado español” lembra Rego. Así mesmo, o deputado destaca o traballo do BNG para o recoñecemento da Galiza como nación e polo respecto da lingua e a cultura propia.
“Continuaremos a traballar neste Congreso, na vindeira lexislatura con máis representación e, polo tanto, con máis forza para defender os intereses da Galiza e as clases populares” asevera. Camiñando, subliña Rego, para un horizonte galego e republicano, de progreso, benestar e democracia, “para unha Galiza libre e soberana”.
Críticas ao Goberno do Estado
A organización nacionalista entende que existen numerosas razóns “desde unha perspectiva de esquerda e soberanista” para criticar o Goberno do Estado. De facto, explica Rego, o BNG “é moi crítico con el e xa no debate de investidura deixamos claro que nunca un Goberno español sería o noso Goberno, mais tamén que o seu programa nos parecía insuficiente en políticas de esquerda realmente transformadoras e de recoñecemento práctico da plurinacionalidade do Estado”.
“A actuación do executivo PSOE-Podemos profundou na fenda da decepción cos seus continuos incumprimentos. Dun Acordo de investidura, en que o BNG conseguiu arrincar medidas importantes como en relación coa AP-9, mais só en parte executado, até cuestións como a non derrogación da reforma laboral do Partido Popular ou da Lei Mordaza, pasando por políticas regresivas en pensións ou a negativa para enfrentar os intereses do oligopolio eléctrico ao que apoian descaradamente no espolio eólico que sofre a Galiza por terra e por mar. Ademais da viraxe sobre o Sahara ou aumentar o gasto militar e alentar a escalada belicista en curso” sinala.
BNG como a única alternativa a proxectos caducos
“Na Galiza xa coñecemos ben as políotcas do Partido Popular e a Feixóo. Ese Feixóo ao que a progresía española/madrileña louvaba como moderado e bo xestor mentres a ultradereita cualificaba case de separatista porque un día de rara lucidez, entre paseos en iate e viaxes á neve, se lle ocorreu dicir que Galiza era unha nación sen estado, que o é” lembra Rego.
“Nin moderado, nin bo xestor, nin sequera autonomista” enumera o deputado do BNG. Feijoo participou con Abascal na manifestación de Colón e hoxe achega o PP á ultradereita pasando do non á anterior moción á abstención nesta. “Acometeu a deterioración programada dos servizos públicos na Galiza, especialmente da sanidade, recortándoa, precarizándoa e privatizándoa” recorda. Ironiza o deputado para preguntando se se poderá considerar un éxito de xestión “amordazar os medios de comunicación públicos galegos para convertelos en medios de propaganda do PP”, como denuncia Defende a Galega.
“O seu autonomismo queda reflectido nun dato: en 14 anos non asumiu nin reclamou unha soa competencia das moitas pendentes, cero. Iso si, na súa folla de servizos está o ataque permanente á nosa lingua até o punto de que na Galiza está prohibido leccionar materias como matemática en galego” denuncia o deputado nacionalista.
Para o deputado do BNG no Congreso, a verdadeira alternativa “é unha Galiza con capacidade para decidir sobre os seus asuntos de forma soberana, porque non esquecemos que, máis alén de quen goberne en Madrid, grande parte dos problemas sociais e económicos que soporta o pobo galego son estruturais e traen causa da subordinación política, do espolio do noso País (fiscal, de recursos, do aforro) e da súa inserción dependente no Estado español”.
Infelizmente, subliña Rego, comprobamos a diario que cando deciden por nós a 600 km, case sempre deciden contra os nosos intereses. “Senón que llo digan ao sector pesqueiro galego sacrificado cos POEM para maior lucro do oligopolio eléctrico coa eólica mariña. Queremos soberanía para poder desenvolver as nosas inmensas potencialidades, para poder mellorar a calidade de vida e benestar do noso pobo, para, en definitiva, poder vivir mellor” conclúe.