Néstor Rego: “O barco debe volver para garantir a fiabilidade das probas na baixada ao pecio do Vila de Pitanxo”
O BNG reclama ao MITMA unha rectificación urxente para non estragar todo e evitar que a expedición de investigación do ártabro sexa en van.
Néstor Rego exixe ao Ministerio de Transportes atender os requirimentos da Audiencia Nacional sobre os protocolos e o persoal que debe ir a bordo do buque encargado de baixar ao pecio
O deputado do BNG, Néstor Rego, exixe na tribuna do Congreso ao Goberno do Estado rectificar a súa decisión de desatender os requirimentos da Audiencia Nacional e que faga volver o buque encargado de baixar ao pecio do Vila de Pitanxo. A frente nacionalista denuncia a actitude do Ministerio de Transportes por negarse a colaborar co organismo xudicial, encargado de investigar a traxedia como 21 delitos de homicidio imprudente e reclama garantir unha investigación que permita esclarecer as causas e facer xustiza.
“O Ministerio, desouvindo oito requirimentos da Audiencia Nacional, ordenou ao buque “Ártabro” -contratado para baixar ao pecio do Vila de Pitanxo- partir sen que estivesen a bordo todos os peritos xudiciais, incluíndo os peritos de parte como o que designan as familias” denuncia o deputado do BNG no Congreso. Esta decisión, continúa Rego, pode pór en risco a validez das probas que poidan ser empregadas no procedemento xudicial. “Un procedemento fundamental para esclarecer as causas e facer xustiza. Este naufraxio está sendo investigado pola Audiencia Nacional como 21 delitos de homicidio imprudente” lembra.
En opinión do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, é “inaudito” que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, após tardar máis dun ano en estabelecer o dispositivo para baixar ao pecio, desobedeza agora o órgano xudicial. “Reclamamos que faga volver o buque e atenda os requirimentos da Audiencia Nacional sobre os protocolos e o persoal que debe ir a bordo para garantir a fiabilidade das probas recollidas” exixe Rego.
Poucos días despois de que a frente nacionalista rexistrara iniciativas na cámara baixa para demandar ao Goberno seriedade para poder baixar con garantías ao Vila de Pitanxo, semella que o executivo non están en disposición de colaborar co Audiencia Nacional e garantir a validez das probas.
A propia Audiencia Nacional lembrou que, se se producir a saída sen a adecuada coordinación co xulgado, pódese pór en risco toda a información recollida e solidez da cadea de custodia que dea validez ás probas. “O Goberno debe cumprir cos protocolos estabelecidos, tanto nas datas para a saída como o levantamento e custodia das probas e o rexistro de imaxes de vídeo dos restos” enumera.