Néstor Rego avoga por outro modelo económico para dar solución aos problemas económicos e sociais de Galiza
Afirma que o actual modelo aboca a Galiza ao desemprego, precariedade e emigración a pesar da riqueza dos seus recursos e potencialidades
Tilda a Feixóo de “submiso e colonizado” ante o xefe de Madrid e de non reclamar ningunha competencia
Luís Pena apela á transformación de Pontedeume para convertelo na referencia entre Coruña e Ferrol
O candidato ao Congreso por A Coruña, Néstor Rego pediu hoxe o apoio á candidatura e proxecto do BNG para transformar o concello de Pontedeume. No acto de presentación do candidato a Alcaldía, Luís Pena, Rego lembrou que os galegos e galegas temos dúas citas electorais nas que decidiremos que concellos queremos para vivir e que Galiza teña voz propia no Congreso dos deputados.
O candidato nacionalista afirmou que o actual modelo económico “non nos serve” porque non da solución aos nosos problemas e resulta un paradoxo que un país rico en recursos e potencialidades como Galiza, “se vexa empobrecido e coa xente abocada ao desemprego, a precariedade e a emigración”.
Rego tildou de “submiso e colonizado” a Núñez Feixóo, sempre preocupado de non molestar ao xefe de turno e frente ás críticas sociais polas súas políticas, utilizar o pretexto da falta de competencias de Galiza. Neste sentido, explicou que as competencias transferidas polo estado durante os últimos dez anos, foron vinte dúas pero, recalcou, “ningunha para Galiza”. Cataluña incorporou nove, o País Vasco, catro, Galiza, , “cero competencias”.
Mentres isto acontecía dixo Rego, Núñez Feixóo permanecía “caladiño” e mesmo aplaudía cando Pablo Casado afirmou que si chegaba á presidencia do Goberno, aplicaría “novas medidas centralizadoras” e mesmo, bloquearía as competencias por tempo indefinido. E dicir, a “asunción de competencias por parte do estado” e a “marxinación” da nosa lingua, da docencia, da administración e da vida pública. Pois ben, “que saiban que non llo imos permitir”.
Néstor Rego animou aos veciños e veciñas de Pontedeume a apoiar ao BNG o vindeiro 28 de Abril para que Galiza volva a ter presenza no Congreso dos deputados e non permaneza outros catro anos “ausente” dos debates nos que se decide o noso futuro. O 28 de abril e o 26 de Maio temos dúas oportunidades para transformar os concellos como Pontedeume pero tamén para ter unha voz propia no estado, concluíu.
OUTRO ESTILO DE PONTEDEUME É POSIBLE DA MAN DO BNG
o candidato do BNG á alcaldía, Luís Pena Mosquera animou a todos os veciños e veciñas a apoiar ao BNG para converter Pontedeume nunha “referencia entre A Coruña e Ferrol”. Cunha vila e parroquias atractivas para vivir porque temos potencial e contamos co privilexio dun enclave paisaxístico único, as Fragas do Eume, o río, a ría, e o monte Breano. Ademais, temos un casco histórico que precisa de medidas dirixidas á xente e por iso, dende o concello, explicou Pena, aumentaremos as rúas peonís e novas zonas para aparcar os coches fora do casco histórico. Queremos trazar un plan para asentar poboación e crear unha oficina de Rehabilitación.
Dende o BNG, dixo o candidato, non esquecemos os espazos da fachada marítima que deben ser públicos pero tamén impulsaremos medidas avanzadas no ámbito social con programas de dinamización para a muller, a infancia, a mocidade e as persoas maiores. No BNG, contamos con ese proxecto e a ilusión e realismo dun equipo capaz de “transformar” o noso concello. Un equipo “coas ideas claras” e con persoas coñecedoras das parroquias e da vila, persoas que traballan no tecido asociativo e representan ese Pontedeume que comeza a despegar.
“Vertebrar a sociedade eumesa é posible” e só depende de nós o vindeiro 26 de Maio. O candidato animou aos veciños e veciñas de Pontedeume a abrir unha nova etapa municipal da man do BNG porque, “outro estilo de Pontedeume é posible.
O BNG quere un concello cunha xestión transparente dos recursos públicos e entre as iniciativas prioritarias iniciaremos a habilitación dun auditorio, a xestión directa do Feirón Medieval en beneficio da economía local, fomentaremos o uso do galego e potenciaremos o camiño inglés.
Promover novo solo empresarial, agricultura ecolóxica, artesanía, hospedaxes
Rurais, desenvolver o comercio e a hostalaría, optimizar o alumeado, a recollida do lixo, construír unha nova gardería infantil e crear novas sendas verdes son compromisos do BNG con todos e todas vós, concluíu o candidato nacionalista.