Néstor Rego avanza os eixos do traballo do BNG no Congreso: “seguiremos a defender os intereses das galegas e galegos”
O deputado do BNG, Néstor Rego, anuncia as liñas de actuación da formación nacionalista para a vindeira semana no Congreso. Reclama a aprobación do reinicio da Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia para esclarecer o acontecido e depurar responsabilidades. Así mesmo, urxe o resto de forzas políticas a “non dilatar a tramitación da Lei sobre a Transferencia da AP-9” para que comece 2022 coa autoestrada transferida e con máis descontos. Así mesmo, chama a mobilización social para este domingo polas manifestacións convocadas pola CiG e anuncia unha nova acción o vindeiro 8 de outubro co resto de forzas soberanistas.
O vindeiro xoves debaterase no pleno do Congreso a solicitude, impulsada polo BNG conxuntamente con EH Bildu e ERC, para que se reabra a Comisión de Investigación sobre o accidente do Alvia de 2013. Durante a xunta de portavoces da semana pasada, todos os grupos parlamentares, a excepción do PP, manifestáronse a favor debido a que a Comisión paralizarase polo remate da lexislatura e non se volveu a constituír.
“É imprescindíbel que o parlamento español retome os traballos suspendidos para, contando con toda a información, aprobar unhas conclusións que permitan, ademais de esclarecer o acontecido, depurar responsabilidades” explica o deputado nacionalista. Así mesmo, destaca que este traballo é “totalmente compatíbel co proceso xudicial aberto, é máis, as conclusións e informacións que deriven da Comisión poden ser trasladadas ao ámbito xudicial”.
En opinión do deputado nacionalista, as familias e as vítimas teñen dereito á “verdade, xustiza e reparación”. Neste sentido, lembra que o BNG leva traballando desde 2013 en todas as institucións para conseguir este obxectivo e avanza que seguirán traballando, agora na Comisión de Investigación, para depurar as responsabilidades políticas e esclarecer todas as circunstancias que propiciaron o accidente, a comezar polo papel dos Ministros que ocuparon a carteira de Fomento: Xosé Blanco, do Partido Socialista, e Ana Pastor do Partido Popular.
AP-9 galega e libre de peaxes como obxectivo
Por outra banda, Rego avanza que o vindeiro martes constituirase a ponencia para a tramitación do Proxecto de Lei de Transferencia da AP-9 após o traballo realizado polo BNG no Parlamento da Galiza, onde se alcanzou un acordo unánime, a súa toma en consideración no Congreso e a solicitude do BNG para que fora tramitado pola vía de urxencia. “Esperamos que esta Lei sexa aprobada de forma áxil, antes de que finalice 2021 porque hai tempo suficiente para facelo se non hai medidas dilatorias por parte dalgunha forza política” enfatiza Rego.
Así mesmo, o deputado explica que o BNG non presentou emendas ao texto, a pesar de que o texto que saíu da cámara galega non é a proposta do BNG. Trátase dun texto froito do consenso de todas as forzas políticas con representación na Galiza e, como sinal de respecto a ese acordo unánime, decidimos non presentar alternativas senón defender ese texto esperando unha rápida tramitación. A pesar disto, hai formacións que si presentaron emendas. Por unha banda, o “Partido Socialista que modifica de maneira substancial o texto lexislativo referíndose só a transferencia da xestión da AP-9. Isto cambia totalmente o acordo parlamentar e incumpre o acordo de investidura que asinou o PSOE co BNG”.
Por outra banda, o Partido Popular presentou unha batería de emendas que van a un grao de concreción “excesivo e improcedente” posto que, despois de aprobarse esta Lei, as condicións concretas deben ser establecidas a través da Comisión Mixta entre Goberno do Estado e Xunta de Galiza. O deputado nacionalista espera que ambas as formacións políticas “rectifiquen e retiren as súas emendas para non demorar máis a tramitación. Queremos iniciar 2022 coa AP-9 transferida, sendo o primeiro paso para ser unha autoestrada galega e libre de peaxes”.
Neste sentido, Rego adianta que o BNG implicarase para que nos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) o Goberno estabeleza partidas específicas para garantir maiores descontos na autopista do Atlántico e abaratar as portaxes a todas as galegas e galegos. “Algo que se torna máis necesario despois de que Galiza se convertese no territorio con máis quilómetros con portaxes de todo o Estado español despois da liberación de 618 quilómetros noutros territorios do Estado a finais de agosto” reivindica.
Desconecta as eléctricas!
Por último, Rego chama á mobilización social o domingo 19 nas manifestación convocadas pola Confederación Intersindical Galega pola suba continua do prezo da luz. Neste sentido, tamén anuncia unha campaña conxunta co resto de forzas soberanistas – ERC, EH Bildu, Junts, CUP, Més per Mallorca e Més per Menorca- co obxectivo de plantar cara aos abusos das eléctricas e a súa chantaxe. Chama a participar do apagón masivo e cazolada convocado para vindeiro 8 de outubro, das 22 ás 22.30h.
As formacións soberanistas reclaman mecanismos que permitan que as nacións “teñamos capacidade para xestionar todo o sistema eléctrico. Regular a xeración, a distribución e a comercialización da enerxía eléctrica”. Apunta a necesidade de ter “soberanía enerxética” algo que “para Galiza é fundamental” na medida en que “somos un país produtor de enerxía mais nunca nos beneficiamos diso”.
Reivindica, máis unha vez, a creación dunha Tarifa Eléctrica Galega, unha tarifa propia como acontece noutros países, que compense os custos sociais, ambientais da Galiza como País produtor excedentario de enerxía eléctrica. A produción de enerxía debe estar ao servizo do desenvolvemento económico do País.