Néstor Rego avalía os 500 días de lexislatura na defensa da Galiza
Cómprense 500 días desde a toma de posesión do deputado do BNG no Congreso con preto de 500 iniciativas rexistradas na cámara baixa.
O deputado nacionalista é o representante galego con máis intervencións.
A formación nacionalista avalía os quiñentos días desde a toma de posesión no Congreso do seu deputado, Néstor Rego, comprometida coa defensa “coherente e insubornábel” dos intereses da Galiza e da clase traballadora. Rego destaca as preto de quiñentas iniciativas rexistradas na cámara baixa nestes quiñentos días e o Acordo de Investidura acadado que logrou desbloquear a Axenda Galega após catro anos sen representación do nacionalismo galego na cámara española.
No Congreso, ao longo de 20 anos os deputados e deputadas do BNG exerceron con absoluta dignidade e eficacia a función de seren a voz dos intereses dos galegos e galegas. “Nas eleccións de novembro de 2019, recuperamos a representación e comprometémonos a ser a voz activa das clases populares galegas e a defensa da Galiza e creo que estamos cumprindo, con todo o mellorábel que sen dúbida pode ser o noso labor” apunta Néstor Rego.
Con ese espírito, o BNG asinou un Acordo de Investidura que desbloqueou a Axenda Galega cunha serie de medidas necesarias. “É evidente o escaso interese do Goberno PSOE-UP por cumprilo en tempo e forma mais tamén é verdade que marcou un horizonte claro de actuacións e compromisos coa Galiza que permite á sociedade galega reclamar a súa execución para materializalos en avances concretos” reza o deputado nacionalista.
Mais alén do acordo, a formación nacionalista retomou o traballo institucional co obxectivo claro de defender os intereses da Galiza chegando a rexistrar preto de 500 iniciativas nestes primeiros 500 días despois da toma de posesión. Máis ao concreto, o BNG presentou: 3 Proposicións de Lei, 102 Proposición Non de Lei, 338 preguntas ao Goberno, 2 interpelacións e unha moción froito de interpelación, 11 solicitudes de comparecencia de diferentes cargos e responsabilidade do executivo estatal, 12 solicitudes de creación de comisión e presentou emendas parciais e totais a 17 proxectos de lei. Neste sentido, cabe destacar que o representante do BNG é o deputado galego con máis intervencións parlamentarias acada até o de hoxe na cámara baixa, cun total de 303 intervencións.
Defensa dos sectores produtivos da Galiza
Alén da análise cuantitativa do traballo, o deputado nacionalista sinala que todas as iniciativas rexistradas tiveron e teñen “como obxectivo a defensa da capacidade de Galiza a se desenvolver economicamente para garantir emprego, benestar e futuro para todos os galegos e galegas”. Iniciativas que tamén abordaron a crise industrial que se está desenvolvendo no país- con focos moi coñecidos como o de AluIbérica, Alcoa, antiga Vulcano, os estaleiros na ría de Ferrol, etc- e reclamar unha transición xusta nos concellos afectados polo fechamento das centrais térmicas e exixindo un modelo de produción enerxética que garanta a preservación do noso territorio e o noso medio fronte o espolio de grandes multinacionais.
Nas distintas iniciativas rexistradas tamén estivo presente o sector agrario, o gandeiro e o pesqueiro e marisqueiro trasladando ao Congreso aquelas cuestións lles afectan: desde reclamar unha compensación económica as mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo polo dragado até a defensa dos métodos de pesca tradicionais do noso país e a renovación xeracional da frota pesqueira. “Tamén exiximos a modernización das infraestruturas de comunicación do noso país e prestamos especial atención a nosa rede ferroviaria, un medio de transporte sustentábel e que favorece o desenvolvemento do noso país” apunta Rego. Sen esquecer a loita pola transferencia da titularidade da autoestrada AP-9 ou a rebaixa nas súas portaxes, pois o BNG traballa para “conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”.