Néstor Rego apela a que o BNG sexa a grande sorpresa do 23X e poda facer forte Galiza en Madrid
Afirma en Corcubión que "temos dereito e podemos contar cun grupo forte para defender o país como vascos e cataláns"
Destaca que, con só un deputado, o BNG trazou en Madrid a "cartografía de todos os temas que afectan a Galiza" fronte ao abandono dos partidos con sede en Madrid.
O candidato e portavoz no Congreso, Néstor Rego, asegurou en Corcubión que o BNG está en disposición de sumar apoios para defender os dereitos de Galiza en Madrid cun grupo galego forte. Defendeu que o BNG sempre "sorprende" nas urnas con respecto ás previsións das enquisas e, neste caso, será aínda máis porque "está á alza", dixo. Neste mitin tamén participaron os candidatos da Costa da Morte polo BNG, Primitivo Pedrosa e Ana Pasantes, e o Alcalde do BNG de Corcubión, Xabier Domínguez Traba "Drok", que destacaron a importancia de lograr máis representación en Madrid para defender, con máis peso, solucións aos problemas da Galiza e da Costa da Morte.
No mitin de Corcubión, cando faltan apenas catro días para rematar a campaña, o candidato pola Coruña, Néstor Rego afirmou que "o BNG está á alza e, por iso, vai sorprender o vindeiro 23X, porque sobrepasará todas as expectativas das enquisas previas". Neste sentido, o candidato nacionalista animou a votar BNG a todas as persoas que colleron esa mesma papeleta nas eleccións galega e municipais, ademais de quen está defraudado co abandono que padeceu Galiza por parte das forzas estatais. "Xa só cos votos de quen colleu a papeleta BNG nas última dúas eleccións temos garantida unha presenza histórica no Congreso mais, se sumamos aquelas persoas que queren ter unha voz que defenda os intereses galegos sen máis dependencia o resultado será realmente sorprendente", sinalou Néstor Rego.
Para que isto aconteza, dixo, é necesario que o electorado coñeza realmente o "interese e os beneficios que para galegos e galegas ten un BNG forte no Congreso", dixo Rego ao tempo que defendeu que "é hora xa de que nos fagamos valer como pasa co País Vasco e Cataluña cun grupo propio forte que nos represente e defenda os noso dereito contra a discriminación histórica que padecemos".
Foi, neste sentido, contundente, á hora de repetir que "en ningún lugar está escrito que Galiza non pode contar cun grupo galego forte no Congreso... só temos que ter confianza, votar con orgullo e ter o convencemento de que non podemos nin debemos ser menos que ninguén", dixo Rego.
Afirmou así que un só deputado do BNG no Congreso logrou na pasada lexislatura non só importantes avances para o noso país como unha baixada histórica das peaxes da AP-9 conseguindo a gratuidade da volta para persoas usuarias asiduas asiduas, o dragado da Ría do Burgo, a garantía do dereito a voto dos mariñeiros embarcados, o catálogo de enfermidades profesionais do mar, o acordo para o recoñecemento do 33% de discapacidade coa diagnose de enfermidades neuroxenerativas ou a mellora das condición laborais dos traballadores do mar. Rego engadiu que, ademais da iniciativas que reverteron en melloras para galegas e galegos, o BNG "levou ao Congreso todos os problema que afectan a Galiza e, neste sentido, coas máis de 1500 iniciativas e a máis de 1000 emendas aos orzamentos poderiamos debuxar unha radiografía completa do déficit de investimentos que padecemos".
Por iso, Néstor Rego insistiu no lema de campaña de que o voto ao BNG vale dobre porque "ademais de ser garantía de defensa dos dereitos galegos e políticas transformadoras é tamén un muro de contención fronte á dereita e a ultradereita".
Para reforzar o argumento de que o único voto útil o 23X é o do BNG, lembrou que "cando tivemos oportunidade de ser determinantes conseguimos que os investimentos en Galiza medrasen até os 2.000 millóns de euros nos orzamentos do 2008, 2009 e 2010... máis do dobre do que se recoñe nos orzamentos dos outros exercicios e, por iso, consideramos que o realmente interesante é votar BNG".
Confrontou así a "defensa firme de Galiza, sen atadura nin máis dependencias" que o BNG desenvolveu no Congreso co "abandono, desleixo e silencio cando non a clara oposición ás propostas que beneficiaban a Galiza por parte de deputadas e deputados galegos de partidos con sede en Madrid". Neste sentido dixo que "algúns dos momentos máis decepcionantes da lexislatura foron ver a representantes galegos votar contra a mellora de infraestruturas ferroviarias ou viarias, iniciativa para reverter a crise industrial ou para abaratar a tarifa eléctrica de galegos e galegas", confesou Rego.
Para o cabeza de lista do BNG, un "grupo galego forte é a mellor garantía para defender os dereito de Galiza con políticas sociais e transformadoras e o mellor antídoto contra a discriminación histórica que padecemos. Nós tamén podemos ter unha voz forte en Madrid e, con confianza e orgullo, o 23X ímolo conseguir".