congreso

Néstor Rego ao Ministerio de Transportes: “Deixen de pór escusas de mal pagador e incrementen as frecuencias do tren no Eixo Atlántico”

Néstor Rego

O deputado do BNG deixa claro que esta será unha das exixencias permanentes do BNG e pide explicacións a Raquel Sánchez polos frecuentes atrasos e incidencias.

“Na Galiza non temos ‘Cercanías’ de Renfe e por riba, un Eixo Atlántico estancado nos horarios. Están a converter a mobilidade diaria nun estrés para os traballadores e traballadoras”

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Ministerio de Transportes que “deixe de pór escusas de mal pagador e se poña a traballar para ofrecer un servizo ferroviario de calidade aos galegos e ás galegas. Precisamos de máis frecuencias de trens no Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña”.

Nunha iniciativa parlamentar presentada na Cámara Baixa pide explicacións ao Ministerio presidido por Raquel Sánchez, sobre a sucesión de incidencias, demoras, falta de prazas e de servizos, e masificación na liña ferroviaria entre Vigo e A Coruña.  “Os servizos ferroviarios do Eixo Atlántico, Avant e MD na Galiza comezaron o curso acumulando incidencias. As queixas de usuarios e usuarias son unha constante debido aos problemas para chegar a tempo aos traballos, aos estudos, a unha cita médica ou outro tipo de xestións habituais”, denuncia Rego.

Para o parlamentar nacionalista “é un clamor a demanda de máis frecuencias. O BNG leva anos exixindo que o Ministerio axuste os servizos ás necesidades da poboación galega. Deben ser programados máis horarios á primeira hora da mañá, con intervalos de tempo máis curtos. Non é normal que o primeiro tren MD entre A Coruña e Vigo saia ás 7h, e o seguinte ás 8h, ás 9h e ás 9:30h. O único tren que existe antes das 7h é ás 5:35h. Sucede o mesmo na franxa de mediodía, esperas dunha hora entre un tren e outro. Totalmente ineficaz”. Así mesmo, son necesarios máis trens na última hora da noite.

“Están a converter a mobilidade diaria nun estrés para a xente”

Néstor Rego subliña “o desaxuste existente entre a demanda e as necesidades horarias”, unha situación que se fixo máis clamorosa co incremento de usuarios do ferrocarril con motivo dos bonos gratuítos e os descontos nos Avant. Nesta liña, aproveita para instar ao Goberno a prorrogar os bonos porque “son un incentivo para apostar polo transporte público”.

Tamén insta o Ministerio a acabar coas demoras e as incidencias que converten a mobilidade diaria nun “estrés para os traballadores e as traballadoras. Invistan en mantemento e acaben coas constantes incidencias que poñen os nervios ao límite”.

O deputado do BNG empraza o Ministerio a “tomar en serio o tren galego. Non temos ‘Cercanías’ de Renfe e por riba un Eixo Atlántico estancado desde hai anos nos seus horarios, de costas ás necesidades da poboación. O Ministerio debe saír desa cerrazón”.