Néstor Rego anuncia que o BNG reclamará no Congreso nacionalizar a AP-9 para facela gratuíta
Demanda de Fomento un proxecto con alternativas á alta densidade de tráfico na entrada e saída de Milladoiro
O candidato á Alcaldía de Ames, David Santomil avoga por un Milladoiro para “vivir, traballar e libre de contaminación”.
O candidato do BNG ao Congreso, Néstor Rego defende acabar coa “estafa tarifaria da AP-9 e anuncia que no Congreso, unha das prioridades do BNG será presentar unha iniciativa para “nacionalizar a AP-9 e facela gratuíta”
Nunha visita a Milladoiro onde mantivo un encontro co candidato do BNG, ao alcaldía de Ames, David Santomil e membros da corporación municipal, Rego asegurou que a rotonda que posibilita a entrada ao principal núcleo do concello de Ames, é unha vía que experimenta un denso tráfico e mesmo “corta o núcleo en dous”.
No Congreso, manifestou o candidato do BNG, insistiremos para que o Ministerio de Fomento, “responsábel desta vía”, poña en marcha un proxecto para desviar o tráfico do núcleo urbano, a través da propia AP-9 xa “liberada de peaxes”. Neste sentido, recalcou, que esta alternativa reduciría os custos da construción “dunha variante”. O proxecto, “non pode adiarse máis” porque, explicou, é necesario humanizar o Milladoiro e mellorar a calidade de vida de todas as persoas que aquí residen.
Pola súa parte, o candidato á alcaldía de Ames, David Santomil reclamou unha solución para N-550 que pasa polo Milladoiro e que soporta unha grande densidade de tráfico. Para Santomil, hai que acometer un desvío do tráfico pesado e de vehículos que atravesan e dividen en dous o principal núcleo urbano do concello de Ames. Santomil reclamou unha solución neste tramo para acadar un Milladoiro “máis vivo, dinámico, accesible e menos contaminado”. Ademais, reiterou que a AP-9 debe ser galega e sen peaxes e polo tanto, non se pode dilatar máis a súa transferencia a Galiza.
“Quereremos un Milladoiro para vivir e traballar e limpo de contaminación”, aseverou