Néstor Rego afirma en Nebra que “hoxe coma onte, a Galiza debe rebelarse contras as inxustizas, tamén o 10N”
O cabeza de lista do BNG por a provincia da Coruña ao Congreso dos deputados, Néstor Rego participou hoxe no acto de homenaxe aos Mártires de Nebra, no concello de Porto do Son.
Tras a ofrenda floral no monolito que lembra a loita de cinco labregos asasinados pola Garda Civil e decenas de persoas feridas por negarse a pagar un imposto inxusto e discriminatorio no concello sonense no ano 1916, o candidato do BNG afirmou que a homenaxe é por “xustiza e porque o seu exemplo sérvenos no presente”. Conmemoramos a determinación e a rebeldía dos veciños e veciñas do Son na loita contra a inxustiza e en defensa dos seus dereitos. E hoxe, como onte, dixo, “a Galiza tamén se ten que rebelar contra as inxustizas, tamén se ten que erguer en defensa dos seus dereitos. E debe facelo en todas as frentes: na rúa e tamén nas urnas o próximo 10 de novembro. Ten de “erguerse frente aos que nos espolian, aos que destrúen as nosas oportunidades de futuro, aos que nos negan como pobo”.
Néstor Rego asegurou que a resposta dos galegos e galegas nos comicios do vindeiro 10 de Novembro deben deixar unha mensaxe alta e clara, “falar con voz propia”. O 10 de novembro, explicou, temos a oportunidade de denunciar o auténtico desmantelamento industrial que estamos a padecer, con millares de postos de traballo en risco de se perder, e para exixir solucións que permitan non só manter o que xa existe senón reactivar a capacidade económica e industrial do noso País”. Neste sentido, demandou solucións e alternativas para Endesa, Alcoa, Ferroatlántica e os estaleiros de Ría de Vigo e da Ría de Ferrol. “Non estamos dispostos a aceptar que o Estado español converta o noso País nun deserto industrial”, recalcou.
Precisamos unha voz “libre e soberana no Congreso” para defender a nosa capacidade de producir e de vivir do noso traballo no propio País. Para defender a nosa Pesca e a nosa agricultura, gravemente diminuídas polas decisións que se toman en Madrid e Bruxelas. Para exixir o sanemamento das nosas rías e recuperar toda a súa riqueza e a súa inmensa capacidade produtiva. Tampouco estamos dispostos a permitir que os excepcionais recursos que representan as nosas rías fiquen estragados pola desidia de quen nos goberna a 600 quilomentros, terra adentro.
CAPACIDADE PARA DECIDIR POR NÓS
E como sabemos que esta situación de crise, de auténtica emerxencia social e nacional deita as súas raíces na dependencia política do noso País, precisamos “unha voz forte e libre que reclame plena capacidade para decidir sobre o noso”, que reclame soberanía. Como nación que somos, “a Galiza debe ver recoñecido o dereito de autodeterminación e ter a posibilidade de o exercer”. Porque, ademais, manifestou Rego, somos conscientes de que non se trata só de un dereito, senón de unha necesidade. “Cando outros deciden por nós, aló na distancia, sen coñecer nin se preocupar polas nosas necesidades, a 600 km en Madrid ou a 1.800 en Bruxelas, vaille mal a Galiza”.
Precisamos poder tomar conta dos nosos asuntos e poder decidir en todo aquilo que nos interesa. Por iso “o BNG no Congreso vai defender, no inmediato, o recoñecemento da Galiza como nación e un novo marco político que supoña autogoberno real”. Un novo modelo de financiamento que implique a capacidade de recadar os nosos impostos e decidir a que queremos destinalos. O BNG en Madrid reclamará a tranferencia das competencias plenas en infraestruturas, transportes, tráfico, seguranza viaria ou seguranza pública, imprescindíbeis para mellorarmos a mobilidade interna de forma sustentábel ou para acabarmos, por exemplo, coa estafa que supoñen as peaxes da AP-9.