Néstor Rego: “O 25 Xullo encheremos as rúas de Compostela reclamando una Galiza que decida por si propia”
BNG organizou un acto público na cidade de Vigo onde participou o deputado da formación nacionalista no Congreso, Néstor Rego, e o voceiro da organización no Concello, Xabier Pérez, en que animaron a participar de maneira masiva na mobilización convocada o Día da Patria Galega. Rego reclamou máis capacidade para decidir o futuro do País, para poder actuar ante o espolio enerxético, para adoptar medidas ante a crise industrial e que permitan unha transición xusta, para lograr, en definitiva, máis benestar para todos os galegos e galegas.
No acto, enmarcado dentro da campaña que está a desenvolver o BNG sob o lema “Galiza sen límites”, o deputado nacionalista chamou a participar nos actos do 25 de xullo non só a toda a militancia da formación, senón a todas as persoas que queren que a Galiza sexa “dona do seu futuro e tome as súas propias decisións para afrontar o futuro”. Defendeu así, a importancia de que o vindeiro 25 de Xullo sirva para dar a necesaria “resposta social ás políticas que se están a tomar desde os gobernos da Xunta e o Estado e que prexudican os intereses dos galegos e galegas”.
“A Galiza ten que ter capacidade para decidir sobre os seus recursos” subliña o deputado Néstor Rego, actuando ante o “boom eólico” que se está a producir no País e que non está pensado “en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer ao gran oligopolio eléctrico”. O deputado nacionalista lembra que o papel de produtor de enerxía que foi asignado á Galiza desde a Ditadura franquista, “primeiro foron os encoros que asolagaron vales enteiros, logo as centrais térmicas e agora a instalación de muíños en terras produtivas e na costa afectando á pesca, mais sen prever un retorno xusto que compense o impacto ambiental e social da explotación eólica”.
Así mesmo, destacou que a crise industrial que soporta a Galiza “tamén é un exemplo da urxencia que ten este País para facerse valer, de acadar a capacidade de decidir sen inxerencias e lograr solucións. No caso de Vigo o sector naval está gravemente ameazado e perigando a posibilidade de manter a actividade, mais o BNG seguirá a loitar para que Vulcano e Barreras vexan garantida a súa continuidade e se manteñan os postos de traballo, tanto os directos como os da industria auxiliar.