Néstor Rego: “O 25 de Xullo é un día para celebrar mais tamén para reivindicar soberanía para a Galiza”
A frente nacionalista anima a veciñanza de Catoira a acudir á manifestación convocada polo BNG no Día da Patria Galega, que sairá da Alameda de Santiago de Compostela ás 12h da mañá do día 25
O BNG defende a necesidade de superar o marco autonómico actual e camiñar cara a un novo marco xurídico-político que recoñeza a Galiza como a nación que é
Prado chama a non caer no conformismo e comezar o cambio político que precisa a Galiza: con autogoberno e defendendo os intereses do País
O Bloque Nacionalista Galego organizou un acto na localidade de Catoira no marco das actividades desenvoltas durante a semana previa ao Día da Patria Galega, 25 de Xullo, baixo o lema “Gañarmos o futuro. A nova Galiza en marcha!”. O acto, realizado na Alameda do Concello, contou coas intervencións do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a deputada no Parlamento da Galiza, Montse Prado, o portavoz municipal da organización nacionalista en Catoira, Xan Castaño, e a próxima concelleira, Tamara Torres.
A frente nacionalista está a levar a cabo unha xeira de actos por todo o País co gallo da celebración do 25 de Xullo, Día da Patria Galega, animando toda a cidadanía a participar na manifestación convocada para a vindeira segunda feira, ás doce da mañá, que partirá desde a Alameda de Santiago de Compostela. Un día, afirma a organización nacionalista, para celebrar “que somos galegos e galegas, que temos unha lingua e unha cultura propia, que somos unha nación” mais tamén para reivindicar capacidade real de autogoberno para o noso País, para reivindicar a soberanía da Galiza.
A representante máis nova da organización soberanista, Tamara Torres, sinala a mocidade como o “motor do cambio” que comezará coas vindeiras eleccións municipais, onde o BNG ten previsto multiplicar o número de actas nas diferentes localidades do País. Neste sentido, o voceiro municipal do BNG en Catoira, Xan Castaño, avanza que a asemblea local está a traballar “nunha candidatura potente para gañar a alcaldía de Catoira”, unha candidatura que non dependa de ninguén, “frente á incompetencia e incapacidade do actual goberno”. Castaño sinala que o BNG é a única alternativa “seria e con proxecto” que o Concello de Catoira precisa.
Pola súa parte, a deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Montse Prado, chama a “non caer no conformismo e dar un cambio de rumbo –con coraxe e claridade de ideas- para facerl frente ás consecuencias sociais e económicas derivadas da pandemia e a suba de prezos”. Uns problemas que se poden visualizar na propia comarca onde se realiza o acto, cunhas potencialidade enormes para ter unha economía próspera e xerar emprego de calidade “mais que está convertida nun deserto industrial, con niveis de paro dos máis altos do País, polígonos sen infraestruturas, vertidos contaminantes, o sector mar-industria ameazado...”.
“Temos que usar as pancas que nos facilita a presenza institucional para máis e mellor traballo social, para organizar máis e mellor o pobo galego e avanzar no camiño da soberanía, porque o actual marco autonómico mostrou que non serve para resolver os problemas da Galiza” reivindica Prado.
No mesmo sentido, Néstor Rego, o deputado do BNG no Congreso, sinala que os galegos e galegas non poden seguir “sumidos baixo leis que son aprobadas en Madrid e Bruxelas que non teñen en conta as características propias do noso País. No BNG defendemos a necesidade de conquistar a soberanía da Galiza e, no inmediato, de superar o marco autonómico e camiñar cara a un novo marco xurídico-político que recoñeza á Galiza como o que é, como unha nación”. O deputado apunta que é preciso lexislar, regular e pór a traballar os recursos necesarios para o desenvolvemento social e económico da Galiza, así como pór en marcha un sistema produtivo que xere postos de traballo de calidade no País.
“O BNG é a única forza política que antepón sempre os intereses dos galegos e galegas ante calquera situación. Vémolo todos os días nos Concellos, no Parlamento de Galiza, no Congreso e mesmo no Parlamento Europeo. É a única organización que vai á raíz dos problemas e que defende de maneira constante as solucións necesarias para resolvelos” afirma Rego.