Néstor BNG reclama “o mantemento das axudas ao sector marisqueiro da Ría do Burgo”
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou unha iniciativa parlamentar na que reclama “entendemento e colaboración entre o Ministerio de Transición Ecolóxica e a Xunta para chegar a un acordo que permita o mantemento das medidas compensatorias estabelecidas para o sector marisqueiro da Ría do Burgo até a recuperación íntegra da actividade marisqueira.
Explica o deputado do BNG que as actuacións de dragaxe e rexeneración da Ría finalizarán no mes de abril, “momento no que se levará a cabo a sementeira do marisco coas catro especies propias da zona: berberechos e tres variedades de ameixa”, mais tamén é o momento no que caducarán as axudas que se concederon durante o tempo das obras.
As axudas deben manterse até poder vivir da actividade extractiva
O portavoz do BNG no Congreso sinala na súa iniciativa que o sector terá que esperar un período de entre 18 e 24 meses para que se restaure a capacidade produtiva e poidan vivir do seu traballo. Motivo polo que “defendemos que se manteñan as axudas”. Preocupa, afirma Rego, que as dúas administracións competentes se “ensarillen, máis unha vez, nun cruzamento de responsabilidades que ao final deixe sen ingresos aos mariscadores e mariscadoras”.
Néstor Rego remarcaba necesidade de que teñan unha interlocución e un diálogo polo ben do sector. “Cremos que o lóxico é que as axudas se estendan ao ciclo completo ate lograrse a normalización da capacidade produtiva e a recuperación da actividade económica para evitar que o sector fique sen ingresos”.
Néstor Rego pregunta se o Ministerio mantivo algún contacto coa Consellaría do Mar e se está disposto a prorrogar as axudas con independencia da postura que adopte a Xunta. Neste sentido, lembra que mañá venres, día 9 de febreiro, haberá unha Mesa da Ría do Burgo e sería positivo que puidese servir para avanzar nun acordo e anunciar xa o mantemento das compensacións.