Na Diada, nunha Catalunya que loita pola soberanía
O BNG participa nos actos de celebración da Diada convidado por Esquerra Republicana de Catalunya, formación liderada por Oriol Junqueras, nunha delegación integrada polo portavoz nacional, Xavier Vence, e pola secretaria de Política Internacional, Ana Miranda.
A participación do BNG na celebración do Día da Patria en Catalunya concretase na asistencia á ofrenda floral ante o monumento de Rafael Casanovas, figura política convertida en símbolo do catalanismo, e continúa coa asistencia aos actos institucionais organizados tanto polo Govern como polo Parlament catalán.
Igualmente, o portavoz nacional participará na cadea humana de 400 kilómetros convocada pola Asemblea Nacional de Catalana (ANC), e secundada por todos os partidos políticos soberanistas, como acto reivindicativo da independencia de Catalunya que, ao longo de 400 kilómetros, unirá o territorio catalán dunha punta a outra. Un acto que se prevé multitudinario e unha demostración evidente do desexo da sociedade catalana a decidir o seu futuro a través dunha consulta directa á cidadanía en 2014.
Neste sentido, o BNG tamén asiste á celebración desta Diada co interese de coñecer de primeira man o traballo que están a desenvolver as forzas políticas soberanistas e os movementos sociais en aras de acadar a independencia de Cataluña, tendo en conta que a formación nacionalista aposta porque Galiza avance no camiño da soberanía como fórmula máis acaída para resolver os problemas do país.
Galiza e Catalunya son realidades nacionais moi diferentes con ritmos políticos distintos, como é obvio, pero non por iso deixa de ser importante ver o que están facendo noutras nacións sen estado para acadar maiores cotas de autogoberno e dotarse dos instrumentos de decisión que mellor poden defender os intereses de cada país, explicou Vence, quen recordou que o vindeiro 15 de setembro na manifestación convocada polo BNG, os galegos e galegas teñen a oportunidade de expresar o seu rexeitamento ás políticas do PP e o seu apoio a maior soberanía para Galiza.