"As mulleres decidimos"

Vaia publicitaria contra a lei do Aborto

A deputada do BNG, Carme Adán defendeu manter a lei 2/2010 de Saúde Sexual e Reprodutiva, garantir a súa aplicación na Sanidade pública galega, non financiar grupos antiabortistas con cartos públicos e aportar a formación necesaria nesta materia aos profesionais.

A portavoz de política de Igualdade do BNG, Carme Adán defendeu hoxe, en sesión plenaria, unha Proposición non de lei asinada polas deputadas desta forza política, Tereixa Paz Franco, Ana Belén Pontón e Montserrat Prado para reclamar medidas do Goberno galego contra o Anteproxecto de lei de Modificación do Aborto impulsado polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.

A parlamentar principiou a súa intervención dando a benvida ás representantes de diversas organizacións feministas asistentes ao debate dende a tribuna do público, en nome dun nutrido grupo de mulleres, que coincidindo co debate manifestábanse contra a modificación da lei do Aborto, nas inmediacións da Cámara galega.

Nin a Igrexa, nin o PP nin a Red Madre vai decidir por nós

A deputada do BNG, vestida cunha camiseta co lema “Nós decidimos”, acusou ao Partido popular de apoiar, con fundos públicos, á Igrexa e a Red Madre para “lexislar sobre os corpos das mulleres, nós, afirmou, queremos que “lexisle o Estado”.

Adán asegurou que as mulleres dende a antigüidade “trouxeron a vida a este planeta polo que ninguén poderá nunca acusalas de asasinas”, as guerras e os xenocidios, ao longo da historia, son “produto do patriarcado”.

Para a deputada, o debate centrase nos dereitos das mulleres de da infancia, “esa infancia, que a vostedes non lles interesa” como demostran os “constantes recortes” que aplican contra ela.

Un embrión non é un ser humano

Adán, catedrática de Filosofía, botou man dunha cita do recoñecido filosofo, Jesús Mosterín quen afirma “cando o espermatozoide dun home penetra no óvulo maduro dunha muller e os núcleos de ambos gametos fúndense para formar un novo óvulo, formase o cigoto que pode converterse nun organismo en diversas etapas pero un cigoto non é un embrión nin un embrión un feto nin un feto un humano completo...e cando falamos dun embrión, non estamos a falar dun neno...”.

A deputada criticou que a publicidade contra o aborto “acuse ás mulleres de cometer un asasinato” e censurou que o Partido popular pretenda negar a “capacidade das mulleres a decidir a interrupción dun embarazo e impoñer a moral católica”.

Hai 23 anos a ex-deputada do BNG Pilar Garcia Negro defendeu na Cámara galega modificar a lei do aborto de 1985

Nesa ocasión, lembrou, a deputada Pilar García Negro facíase eco da voz de 9 asociacións de mulleres, igual que acontece hoxe cos grupos de mulleres e organizacións feministas que reclaman non modificar a lei de Interrupción do Embarazo.

Eu hoxe, anunciou, vou utilizar o mesmo argumento de García Negro para defender que a interrupción dun embarazo é “un proceso que viven as mulleres” polo que, dende o BNG reclamamos que “se manteña a lei 2/2010 de saúde sexual e reprodutiva, se garanta a súa aplicación na Sanidade pública galega, non se financien grupos antiabortistas con cartos públicos e aportar a formación necesaria nesta materia aos profesionais”.

A interrupción do embarazo é unha practica habitual en todos os períodos históricos, no mundo producénse 46 millóns ao ano pero cerca da metade en condicións de inseguridade polo que volveu reclamar garantías sanitarias e legais para abortar, non queremos, dixo, que “o 17% das mulleres morran por someterse a abortos clandestinos e inseguros”.

Publicidade contra o aborto

A Proposición non de lei defendida pola deputada do BNG foi rexeitada polo Partido popular, nun agreo debate, mesmo con insultos dende as bancadas populares cando a parlamentaria do BNG amosou unha copia da publicidade aparecida en vaias baixo o rotulo “300 niños mueren al día, por el aborto, Sr.Ministro derrogue a lei Aído”.

A deputada asegurou que a publicidade das asociación antiabortistas “é absolutamente falsa” e reprobou que o Partido popular sega financiando con fondos públicos a súa existencia e perpetuando “a dobre moral”, que consinte que no planeta “morran dez mil nenos e nenas de fame e a pobreza infantil se duplicara en Galiza”.

Adán concluíu a súa intervención reiterando que debe ser recoñecido o dereito das mulleres de “decidir por si mesmas” e que a Consellería de Sanidade aporte os recursos necesarios para poder poñer fin a un embarazo en condicións de igualdade.