Montserrat Prado: “Hai unha clara connivencia do Partido popular coa empresa concesionaria do servizo de helicópteros do 061”
BNG rexistrou unha serie de iniciativas no Parlamento para demandar información sobre o incumprimento de contrato da concesionaria do servizo de helicópteros ao 061
O BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas na Cámara para denunciar o incumprimento dos contratos do servizo do 061 dende o orto ao solpor e, dende o 19 de marzo, son máis de doce horas, segundo informou o sindicato CIG, polo que esta empresa debera dispoñer xa de dous equipos tanto para atender á base de Santiago como a de Ourense.
Para a portavoz de Sanidade, Montserrat Prado, isto supón “unha clara connivencia do Partido Popular coa empresa concesionaria do servizo”, a empresa Eliance, recriminou. Un agravio ao que se lle suma ter deixado sen cobertura a base de Ourense durante varios días no pasado mes de outubro ao non contar con helicóptero de reposto, tal e como establece o contrato, segundo a denuncia da CIG.
Neste sentido, a deputada nacionalista anunciou o rexistro de diversas iniciativas para reclamar o cumprimento íntegro deste contrato e esixiu á Xunta que deixe de actuar “como comercial das empresas que prestan servizos ao SERGAS”, algo que, incidiu, repercute de xeito negativo na calidade asistencial das galegas e galegos.
Asemade, o BNG pediu ao Goberno do PP explicacións sobre este contrato con Eliance, “que supoñen máis de nove millóns de euros”, declarou a deputada do BNG, e reclamou á Consellería de Sanidade “se existen expedientes abertos” xa que, remarcou “esta empresa é reincidente no incumprimento” da súa cobertura de orto a solpor.
Prado concluíu emprazando á Xunta “a priorizar” a saúde de todos os galegos e galegas e non “a conta de beneficios das empresas”.