Montse Prado á titular de Sanidade: “Cando vostedes falan de aforro, para nós é roubo”

A deputada do BNG acusa a Rocío Mosquera de “complicidade” para entregar a Sanidade pública a mans privadas

A parlamentaria do BNG, Montse Prado recriminou hoxe, duramente, á titular de Sanidade, Rocío Mosquera por non aludir aos verdadeiros problemas que padece a cidadanía galega cos continuos recortes sanitarios.

Prado afirmou, tras a presentación das previsións orzamentarias da Consellería de Sanidade para o 2014 que Rocío Mosquera “non está ao servizo da sanidade pública” e acusouna de complicidade para entregala a mans privadas.

A parlamentaria tamén criticou o “silencio” da conselleira sobre as listas de espera e a redución de persoal sanitario.

Cando vostedes falan de aforro, nós falamos de roubo é imposto á enfermidade

Na súa intervención, indicou que cando o PP fala de aforro, o BNG fala de roubo e puxo como exemplo os recortes que afectaron aos pensionistas que ascenderon no ano 2012 a 17.000 millóns de euros, no 2013, 35.000 millóns e no 2014, 17.000 millóns de euros, “vostedes din que isto e aforro pero é roubo” reiterou.

Montse Prado asegurou que os orzamentos de Sanidade representan o “imposto á enfermidade” e son contas que provocarán que os que máis teñan podan acceder ás prestacións sanitarias mentres o resto acudirán “á beneficencia”.

A nacionalista salientou que o Goberno do Partido popular persegue dous obxectivos: descapitalizar a sanidade pública, privilexiando á privada e ocultar o déficit que lle impón Madrid e Bruxelas, “estes orzamentos están destinados a que as persoas se aseguren na sanidade privada”, recalcou.

Neste sentido, tamén criticou o sistema de financiamento público-privado do Partido popular que exemplificou na construción do hospital de Vigo da que dixo, a concesionaria non cumpriu co prego de construción e a Xunta, en troques de rescatar a infraestrutura e aplicar a sanción pertinente, “búscalle financiamento á empresa para continuar a obra”.

Máis repagos nun momento de profunda crise económica

A Lei 2012 cambiou o concepto de “universal” polo de “asegurado” e nacionalista explicou que as consecuencias do texto legal traducíronse en diferentes repagos entre os que destacou: o farmacéutico de enfermos crónic@s, repago no transporte sanitario e o ortoprotésico , repagos, dixo, que asfixian aínda máis ás economías familiares.

Montse Prado tamén aludiu á atención primaria con “267 millóns menos” para o seu funcionamento dende que o PP chegou ao goberno no ano 2009.

A conselleira, afirmou, pasa por alto, “os graves problemas que afectan os usuari@s da Sanidade”, o PP utilizou o mesmo mantra durante cinco exercicios orzamentarios afirmando que de cada 10 euros, 8 son empregados en gasto social pero non inclúe nesta afirmación o orzamento consolidado no que a sanidade perde 34,7 millóns de euros a respecto do ano 2013.

Sobre esta cuestión explicou que os orzamentos cada vez teñen un menor peso e os recortes xa acumulan 1.216 millóns de euros sen investir na Sanidade pública, nós rexeitamos estas contas porque “non queremos unha sanidade de beneficencia”, concluíu.