Montse Prado: O PP quere aprobar o mandato marco da CRTVG sen debater"
A deputada reprobou que o Partido popular pretenda a aprobación para perpetuar o "control político dos medios de titularidade pública de Galiza os vindeiros nove anos .
A parlamentaria lembrou que a lei 9/2011 foi froito do pacto entre o PP e PSOE e despois de mantela nun caixón incumprindo todos os prazos e contidos e agora, dixo, queren facer todo o que non fixeron antes ademais de furtar o debate e o dereito a réplica no Parlamento galego.
A nacionalista, tras saudar ao comité de empresa da CRTVG presente no debate dende a tribuna de convidad@s, afirmou que o Partido popular imposibilitou a participación dos grupos parlamentarios e entidades do ámbito social e profesional. O BNG, dixo, incorporou as achegas dos traballadores e traballadoras da CRTVG, a Mesa Pola Normalización Lingüística e sectores do audiovisual que posteriormente trasladou ás emendas que nin sequera foron debatidas e que agora mantemos neste voto particular.
Prado denunciou a renovación do Consello de Administración sen a aprobación previa do Mandato Marco, así como que o Parlamento non elixira ao novo director Xeral e sen que o Goberno fixera o Contrato programa. O PP, dixo, en troques de rectificar, persiste nesta posición e agora da un paso máis alá e pretende aprobar un Mandato Marco sen debate e sen aceptar ningunha emenda dos grupos da oposición.
Para a deputada, o Mandato Marco establece os obxectivos da función pública da Corporación como ferramenta estratéxica e modelo dos medios públicos galegos. O PP, afirmou, pretende establecer esa estratexia para os vindeiros nove anos, correndo e a as presas para garantir o control político e partidista da CRTVG, aínda que non acade o apoio necesario nas vindeiras eleccións galegas.
O BNG, dixo, non votou a lei 9/2011 porque non era a lei que os medios públicos precisaban e o pacto que hoxe trae o PP constata o control político, un auténtico escándalo, dixo.
O BNG presentou 45 propostas que o PP impediu foran debatidas
A deputada destacou entre as propostas: modificar a linguaxe sexista, a consideración de servizo esencial dos medios públicos de Galiza, garantir a súa independencia, crear o Estatuto do profesional e manual de estilo, crear o consello de informativos para que os profesionais desenvolvan o seu labor sen presións nin directrices, propuxemos ademais a figura do valedor do espectador, garantir os recursos para non recorrer a externalización, que o 70% da produción sexa propia, que as axudas ao audiovisual sexan transparentes e rematar coa opacidade ademais de propostas para garantir a liberdade de expresión e que os medios públicos cumpran coa función fundamental de visibilización e prestixio do noso país, da nosa lingua e a nosa cultura.
Asemade, a deputada pediu un compromiso de producións culturais propias, apoio a dobraxe e pluralidade nos debates en horarios decentes e de máxima audiencia. Intensificar a luxofonía de maneira especial con Portugal e unha programación diaria para nenos e mocidade. A televisión e a radio deben tratar a violencia de xénero como un problema de máxima envergadura e cun compromiso activo de denuncia e concienciación neste ámbito.
A parlamentaria concluíu asegurando que as propostas do BNG van encamiñadas a configurar un Programa Marco da Radio e Televisión de Galiza como servizo público e se o PP tivera algo de decencia debería aceptar debater estas propostas.
O voto particular do BNG foi rexeitado polo grupo maioritario do Partido popular.
O mandato marco non acadou a maioría dos tres quintos necesarios para a súa aprobación polo que será de novo votado nunha vindeira sesión plenaria.