Montse Prado: O PP deixou morrer doentes de hepatite C por razóns económicas"
A deputada nacionalista, Montse Prado tildou de psicópata ao Partido popular por votar en contra de subministrar os tratamentos a doentes prescritos por hepatite C, baixo criterios políticos e economicistas
Trala comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Almuíña para informar da situación dos pacientes a tratamento por hepatite C, a deputada do BNG, Montse Prado lamentou que o conselleiro na súa intervención insultara ás familias e doentes afirmando que actuaron demagoxicamente e manipulando os mortos.
Respectar e considerar aos doentes, engadiu, é atender as súas necesidades, algo que o goberno que vostede representa non fixo e o máximo responsábel da Xunta non ten a valentía de vir ao Parlamento a dar conta da súa actuación.
Para a deputada, o titular de sanidade na súa comparecencia minimizou os feitos e tentou xustificar o inxustificable e non asumiu ningunha responsabilidade nin mostrou un atisbo de arrepentimento ou desculpa. A súa intervención, recalcou a deputada, retrata a este goberno e tamén súa nula catadura moral.
A parlamentaria cualificou de goberno de psicópatas ao goberno de Feijóo, porque a pesar de seren conscientes do dano que inflixen, seguen adiante. O presidente da Cámara, Miguel Santalices pediu a deputada que retirara a expresión psicópata, solicitude que a nacionalista rexeitou e mesmo reiterou que os deputados e deputadas do Partido popular sabendo que a súa actuación impedía que as persoas recibiran o tratamento, votaron igualmente en contra, mentres o goberno do PP seguía mirando para outro lado.
A nacionalista explicou que o BNG defendeu na Cámara galega que @s doentes de hepatite C accederan á terapia dos novos fármacos a través das farmacias, prescritos polos médicos especialistas do Servizo Galego de Saúde de xeito inmediato pero os parlamentarios e parlamentarias do Partido popular votaron en contra.
Proceso xudicial contra dous cargos da Xunta por presunto homicidio imprudente e prevaricación
Vostede, dixo a nacionalista, nin sequera estaba alí e hoxe ven sacando peito construíndo un relato falso cando a realidade é que dous cargos da Xunta saltaron o protocolo e morreron doentes. O partido popular aplicou recortes, primeiro aplicando criterios políticos e logo criterios médicos.
Por moito que se esforcen, remarcou a deputada, o seu relato é mentira deixaron morrer a persoas por razóns económicas e agora é a Fiscalía quen o ratifica. Por primeira vez no Estado español iníciase un proceso penal contra unha administración sanitaria por posibles delitos de homicidio e prevaricación contra Félix Ruibal, director de Asistencia sanitaria e Carolina González, subdirectora Xeral de farmacia, dous cargos da Xunta que foron os executores da decisión tomada por Núñez Feijóo, a ex-conselleira e por vostede que hoxe ven aquí a dicir o que lle contaron cando a súa responsabilidade é cesar aos responsables.