Montse Prado pide á Xunta vixilancia activa para evitar a lesiva ampliación da depuradora de Muros
En todo caso, a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, reclamou do Goberno galego “unha actitude vixilante e proactiva” ante o Ministerio de Agricultura e Pesca, de quen depende a autorización da ampliación solicitada por Mariscos Antón Fernández.
“Non se limiten a mandar o informe polo trámite habitual senón que se apliquen a fondo para explicar todos os inconvenientes que tería ese proxecto, que vaian máis aló dunha tramitación burocrática, hai que descolgar o teléfono e facer toda a presión precisa para evitar as consecuencias negativas como a afectación os recursos, a limitación a veciñanza a un espazo público e mesmo converter un peirao para unha actividade menor practicamente nun peirao industrial que non é para o que está autorizado”, explicou Prado.
A deputada nacionalista salientou, entre outras cuestións, que permitir ese proxecto de ampliación sería tanto como privatizar un espazo público, impedindo á veciñanza o acceso á zona e o uso da Praia de Liñares, ademais da afectación sobre os recursos marisqueiros da zona, “onde está un importante banco de berberecho”, tendo en conta, ademais que a obra implicará dragar a zona incrementando o risco de incidencia sobre os recursos.
Trátase ademais dunha unidade de paisaxe declarada zona protexida polos seus elementos naturais e paisaxísticos, e de gran riqueza de bivalvos. O proxecto tamén inclúe o peche da zona de servidume e facer un paso voadizo a Punta Abelleira clausurando o camiño de acceso público que quedaría pechado impedindo no só o acceso ao actual varadoiro senón tamén ao futuro peirao, así como a instalación de grandes tubos e o acceso de barcos bateeiros de gran tamaño