Montse Prado pide á Xunta que diga se está coa Ría de Arousa o coa empresa contaminante da mina de Touro
Critica a “covardía” da conselleira do Mar que segue “dando as costas” ao sector da Pesca, que en Arousa da traballo a 30.000 familias
Pide ao Goberno galego que utilice o recurso da Advocación de competencias para frear un proxecto contaminante letal para a ría
O BNG levou ao Parlamento o demoledor impacto que a reapertura da Mina de Touro tería para o sector pesqueiro e marisqueiro da Ría de Arousa posto que a actividade deste proxecto de megaminería espoliadora contaminaría o Río Ulla e, a través del, contaminaría unha ría emblemática pola súa riqueza que da traballo a 30.000 familias.
A portavoz de Pesca, Montse Prado, lamentou a covardía da consellería do Mar que delegou noutro membro do Goberno, o titular de Industria, a resposta a interpelación da deputada nacionalista, para quen Rosa Quintana “sigue dando as costas ao sector, instalada na prepotencia e na xordeira”.
Para Prado este proxecto de megaminería será “unha auténtica autoestrada de contaminantes cara a ría, especulativo e colonial, saltaron todas as alarmas porque para separar o cobre usaranse compostos químicos moi contaminantes, construirase unha balsa de 80 metros de altura con altísimo risco de ruptura, nun territorio onde todos os cursos de auga irán ao Ulla e de aí a Ría de Arousa”.
De feito, a día de hoxe xa existe un estudo de augas de Galiza que asegura que todos os ríos da contorna en 65 quilómetros están contaminados pola antiga explotación mineira que agora se quere reabrir e ampliar.
Neste contexto, Prado pediu á conselleira do Mar e a Xunta que teñan a valentía de utilizar a Advocación de competencias “para que non sexa aprobado como proxecto sectorial senón que sexa o consello da Xunta quen tome a decisión, porque estamos falando da ría máis rica de Galiza da que viven directamente 30.000 familias o que implica un potencial económico de primeira magnitude”.
Prado dirixiuse á “conselleira ausente” en relación a titular do Mar, a quen dirixía a pregunta ao afectar directamente ao sector pesqueiro e marisqueiro de Arousa.
“Señora conselleira do Mar ausente, vai defender os intereses da Ría de Arousa e pedir a advocación do Consello da Xunta dada a magnitude deste proxecto que pon en risco miles de postos de traballo e a riqueza da ría, ou vai poñerse do lado dunha empresa especuladora”, interpelo, “porque non estamos falando dunha cuestión técnica, senón dun modelo de país, e dun goberno que, ou ben se pon do lado dos seus sectores produtivos ou do lado dunha empresa especulativa e colonial”, alegou.
“Teñen instrumentos, teñen informes de contaminación da auga de Augas de Galiza, teñen os incumprimentos reiterados por parte da empresa, o que lles falta é vontade política”, recalcou.
A deputada lamentou que o PP “se cargarse” a Lei da minería “para non ter que enfrontarse as multinacionais colonizadoras”, lembrou os reiterados incumprimentos da empresa que explotou a mina ate agora e salientou o informe de Augas de Galiza “que confirma que todos e cada un dos ríos” da contorna da mina están contaminados e que todos eles verten ao Ulla e este á Ría de Arousa.
Prado lembrou o apoio do BNG á manifestación convocada contra o proxecto de megaminería de Touro pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino, NON para este domingo en Santiago de Compostela, para dar na rúa unha resposta contundente a un proxecto que considera letal para a Ría de Arousa.