Montse Prado pide á Xunta que se aplique a lexislación: “que non saía gratis discriminar ás mulleres”
O BNG fixo balance da situación laboral das mulleres en véspera do 8M con datos que constatan a desigualdade e a discriminación tamén neste ámbito.
A fenda salarial en aumento sitúase no 23%, -5.479,74 € menos cos homes-, ao que se engade que os ingresos das galegas están 1.837 € por debaixo da media estatal, o emprego feminino concéntrase nos traballos peor pagados, o 37% non chegan ao SMI e arredor de 100.000 reciben menos de 400€. A discriminación salarial trasladase ás pensións de xubilación, un 36% inferiores ás que perciben os homes.
O 21,9% traballan a tempo parcial porque é o único emprego que conseguen, a temporalidade é do 27.5% e case a metade dos contratos (48.6%) duraron menos dun mes.
“Todos estes datos dan como resultado que un 21% das mulleres viven por debaixo do limiar da pobreza ou que representen o 59% das persoas perceptoras do Risga, porcentaxe que se eleva ao 94% no caso das monopatentais”, sintetizou a portavoz parlamentaria de Emprego, Montse Prado.
Uns datos “que fan saltar todas as alarmas porque dan como resultado pobreza, mulleres traballadoras pobres”, recalcou. Neste contexto, o BNG insta á Xunta a realizar as actuacións necesarias para corrixir esta realidade de “cronificación da precariedade, de contratos temporais e de fenda salarial das galegas”.
Tras unha década de goberno de Feixóo, hai en Galiza 9.800 mulleres ocupadas menos, o que supón unha caída do 2%, as desempregadas incrementáronse en 1.500, ampliouse a fenda salarial tanto aquí como en relación co Estado. “Promovan e vixíen o cumprimento da lexislación en materia de igualdade laboral, traballen transversalmente para que a discriminación as mulleres non saia gratis, pasen do papel aos feitos, da actitude de pasividade a unha proactiva, menos discursos e máis feitos”, concluíu.