Montse Prado pide ratificar a Carta Social Europea e o PP responde agardar a “tempos de bonanza”
A deputada do BNG reprocha ao Partido Popular que non ratifique a Carta Social Europea para mellorar as condicións laborais d@s traballador@s galeg@s
Tratase dunha norma que defende os dereitos d@s traballadoras e traballadores e combate as ofensivas contra os dereitos sociais e de protección social.
A deputada do BNG, Montse Prado demandou hoxe ao Goberno galego que esixa ao Goberno central ratificar a Carta social europea para mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras galegas e protexer os dereitos sociais.
A deputada reprochou ao Partido popular que non ratifique a Carta Social europea que contempla entre outros dereitos, o recoñecemento da protección en caso de despido, a tutela de créditos a traballadores en caso de insolvencia do empregador, á dignidade no traballo, a protección contra a pobreza e exclusión social e o dereito á vivenda.
O Estado español, explicou a parlamentaria, ratificou a Carta no ano 1980 pero non acepta asinar o Protocolo de Reclamacións Colectivas de 1995 nin ratificou a carta revisada de 1996, asinada no ano 2000. No fondo, dixo, saben que “as reformas laborais prexudicaron gravemente as condicións de vida da clase traballadora e que a Carta Social europea está para defender a protección social e laboral das persoas máis vulnerables”.
Tras a resposta do portavoz popular, Alberto Pazos que anunciou o voto en contra á iniciativa do BNG por considerar que o momento económico non o permite, a deputada replicou que é precisamente neste tipo de iniciativas nas que as organizacións políticas se “retratan”. A posición do Partido popular, remarcou , prexudica a moitos traballadores e traballadoras e cuestionou que moitas das iniciativas provenientes da Unión europea sexan aceptadas polo PP “sen rechistar”, sen embargo as benefician á maioría social son consideradas “opcionais”. O Partido popular non quere asinar a Carta Social europea por temor a ter que pagar polo salario interprofesional 900 euros en vez de 700 euros. O máis probable, dixo, é que esa inseguridade xurídica na que se ampara agora o PP non sería ningún problema se as decisións tiveran a ver cos bancos ou as trasnacionais. Estou certa que nese caso, “ o aparato do Estado e a avogacía porían en marcha todos os mecanismos necesarios para resolver esa inseguridade xurídica”.
Prado acusou ao Partido popular de demostrar unha “grande displicencia” contra a clase traballadora e a maioría social e criticou que o PP tilde de “opcional” a ratificación da Carta Social europea mentres que cumprir o déficit, reducir recursos humanos e medios e pagar aos bancos antes que priorizar servizos sociais, “non sexa opcional”
A parlamentaria insistiu en que que a adhesión tivo lugar ano ano 2000 pero se non se asina e ratifica “é papel mollado” e despois de 17 anos os diferentes gobernos non foron quen de aprobar esta ratificación.
Prado rexeitou a recomendación do portavoz popular de “agardar por momentos de bonanza” dos que dixo, xa levamos moitos anos escoitando que “isto vai vento en popa” pero a inmensa maioría sabe que é “pura propaganda do Partido popular”.