Montse Prado pide explicacións ao SERGAS polo caso da doente que se suicidou no Hospital de Lugo
Considera que o trato á familia non foi adecuado e que houbo fallos no protocolo porque o HULA foi advertido da inestabilidade da falecida
O BNG presenta unha serie de iniciativas parlamentarias para que o Sergas dea explicacións na Cámara en relación ao caso dunha paciente hospitalizada no HULA que faleceu o pasado 12 de maio tras precipitarse ao baleiro desde unha fiestra da cuarta planta deste centro no que estaba ingresada.
A portavoz de sanidade, Montse Prado, considera que a actuación do HULA estivo chea de erros tanto antes como despois do tráxico suceso, posto que non se atenderon as advertencias dos familiares sobre o estado da vítima, nin estes recibiron un trato acaído por parte da dirección do hospital tras o dramático incidente.
“Este falecemento pon de manifesto a grave situación da atención á saúde mental na sanidade pública en xeral e a carencia de programas de prevención do suicidio en particular”, salientou Prado, para quen “este caso exemplifica todo o que non se debe facer e pon de manifesto as carencias de recursos e fallos en toda a cadea, preventivos do suicidio, na comunicación do mesmo aos familiares e a posterior atención aos mesmos”.
Para a deputada do Bloque, “a atención psicolóxica e psiquiátrica especializada a doentes hospitalizados no HULA está por debaixo de mínimos, non existe un programa de prevención do suicidio e nada se sabe do Plan de Prevención do Suicidio a pesares da propaganda da Xunta, “pero non se aplican procedementos de actuación ante doentes con risco de suicidio e os que existen só se empregan nas unidades de hospitalización psiquiátrica”, denuncia.
De feito, neste caso, a pesares de que un neto da falecida alertou de que vía a súa avoa animicamente deprimida e que lle tiña manifestado a súa intención de morrer, non se lle aplicou ningún protocolo, ao que se suma a “nefasta comunicación” do HULA do tráxico suceso á famila “como se dunha xestión administrativa se tratara”.
Ante un suceso dramático como este, con moitas dúbidas a respecto do coñecemento dos feitos e a responsabilidade dos mesmos, a familia ten dereito a información veraz e coidadosa do que pasou, que a día de hoxe non teñen e a dirección do hospital debe facilitar esa información e tomar as medidas precisas para evitar que sucesos deste tipo se poidan repetir.
Dotar ao HULA de medios
Por estas razóns, o BNG presenta unha proposición non de lei pola que insta á Xunta a que tome cartas no asunto para que a dirección do hospital proceda a facilitar de inmediato información “veraz e coidadosa” aos familiares da falecida, así como a oportuna reparación. Igualmente, que se analicen os feitos como un evento centinela, para obter coñecemento que oriente as accións para evitar que volva suceder.
Finalmente, dotar ao hospital dun programa de prevención no que se especifiquen actuacións para a humanización da institución e de coidado psicolóxico ás persoas ingresadas, protocolos de actuación e accións de sensibilización, información e formación do persoal sanitario. Ademais, dotar ao HULA dos medios materiais e humanos para prestar unha atención psiquiátrica e psicolóxica de calidade.