Montse Prado lamenta que unha vez máis o PP non propoña alternativas reais aos problemas da atención primaria
Defendeu unha moción para dotar de máis recursos e persoal os centros, dar estabilidade ao colectivo de traballador@s e unha oferta de emprego pública en todas as categorías de Atención primaria
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado defendeu hoxe na Cámara galega unha moción co fin de mellorar os medios na Atención primaria ademais de realizar unha análise e avaliación das necesidades para recursos humanos de todas as categorías e n nas prazas MIR e EIR, antes de rematar o actual período de sesións.
Prado criticou que o portavoz do Partido popular, Aurelio Núñez Centeno cuestionara o contido da moción do BNG ao que a deputada replicou que, mentres o BNG fai propostas realistas, o Partido popular sigue “enrocado e sen presentar ningunha alternativa”. Vostedes, dixo, marcaron a senda das privatizacións e o deterioro da sanidade e non queren moverse de aí.
Na súa intervención reiterou que o BNG advertiu, “por terra, mar e aire” que o PP debía rectificar e tomar nota das demandas formuladas nas rúas polos profesionais e a sociedade galega e criticou que teña que estar xusto en período electoral para que o PP se vexa empuxado a dar a entender que está no camiño de rectificar. A parlamentaria nacionalista anunciou que o BNG continuará presentando iniciativas no Parlamento galego porque, na súa opinión, o Partido popular sigue mantendo na “UCI a Atención primaria” con políticas sanitarias erráticas que están a prexudicar gravemente aos profesionais e persoas usuarias. Montse Prado instou ao goberno a investir 223 millóns de euros en Atención Primaria para cubrir as necesidades e rematar cunha política laboral que cualificou de “inaceptable”.
Na súa intervención tamén aludiu a actual situación dos PACs, “a día de hoxe está sen solucionar” e os médicos e médicas, engadiu, necesitan “máis tempo para as consultas” para ofrecer unha calidade asistencial digna.
Prado concluíu reclamando que se atendan as demandas do persoal dos PACs, recuperar as Xerencias de Atención Primaria, desenvolver axeitadamente os servizos de enfermería, matronas, fisioterapeutas e mapa de competencias dos PSXs, así como concretar as ratios de TIS de tod@s @s profesionais, e as cargas de traballo para unha atención sanitaria de calidade. E necesario poñer en marcha todas as actuacións para reverter o proceso de “privatizacións do Goberno galego na sanidade pública.”
Os votos do grupo maioritario do Partido popular impediron que prospera a proposta do BNG para mellorar a Atención Primaria.