Montse Prado: “ O Goberno galego só acerta cando rectifica"

A parlamentaria do BNG cualificou de “comportamento errático” do Goberno anunciar a eliminación de prestacións sanitarias que á presión social e política conseguen finalmente que sexan rectificadas. A deputada considerou que este proceder responde a que o Goberno funciona a “golpe de ocorrencias”

 A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao Goberno sobre o anuncio de eliminar un terzo da proba de cribado neonatal que detectaba 40 doenzas e que grazas a presión dos propios profesionais, sociedade e organizacións políticas viuse obrigado a rectificar e restituír.

Para a deputada, este proceder evidencia que o “o Goberno galego só acerta cando rectifica” e a súa xestión política se caracteriza por ir a “salto de ocorrencias” como xa aconteceu, dixo, con outras medidas como os tratamentos da Hepatite C, o pago das ambulancias, próteses, ou vacinas contra a meninxite.

 Na súa intervención, a parlamentaria explicou que no mes de marzo en Galiza produciuse unha “nova alarma social” ante os recortes en materia de sanidade que o Goberno tiña a intención de aplicar. A consellería de Sanidade anunciaba a redución do cribado endocrinometabólico neonatal destinado a detectar 29 doenzas ampliables a 40 para pasar coa nova medida entre 14 e 12.

Un diagnóstico precoz coñecido como a proba do talón para detectar enfermidades endócrinas ou xenéticas de vital importancia para o seu tratamento. Os pais e nais da Asociación de enfermidades metabólicas, profesionais e persoas relacionadas coa posta en marcha do laboratorio encargado das probas mostraron a súa preocupación ante un novo recorte que suporía o retraso das doenzas e posibles secuelas irreversibles. Despois dunha campaña para restituír a proba do talón, a conselleira mantivo nun primeiro momento “silencio” como fai a miúdo ante os problemas. Máis tarde, Núñez Feijóo xustificou a medida asegurando que a redución das probas obedecía a racionalizar “un sobrediagnóstico” o que provocou a indignación d@s expert@s na materia. Pola súa o subdirector xeral de Saúde Pública tamén defendeu a medida ata que finalmente as demandas sociais, políticas e profesionais obrigaron ao Goberno a rectificar, o que “nos alegra dende o BNG”.

A directora xeral de Xestión sanitaria emenda as afirmacións do presidente da Xunta e do director Xeral de Saúde

 A directora xeral de Xestión sanitaria, Sonia Martinez respondeu á deputada do BNG que a rectificación era froito dunha reflexión de ata que punto ese programa podía ser mellorable e que os beneficios da diagnose precoz “eran incuestionables”, resposta que a parlamentaria do BNG cualificou toda “unha emenda á totalidade ás afirmacións do Presidente da Xunta e do director Xeral”.

Montse Prado alertou sobre a posibilidade de someter a novas análises a proposta para eliminar parte da proba do talón e preguntou se a Consellería confirma que se vai manter na súa totalidade ou responde a unha restitución ante a proximidade do período electoral para ser posteriormente cuestionar de novo a permanencia da proba do talón a bebés.

Política errática da Xunta

A deputada criticou a xestión política sanitaria da Xunta de Galiza da que dixo, “obríganos a estar en permanente alerta” polo temor ante novos recortes e posibilidades de novos ataques para eliminar prestacións, servizos e novos repagos.

Montse Prado concluíu afirmando que o BNG seguirá, “moi de cerca” as decisións que o Goberno segue tomando de “costas aos profesionais e á sociedade galega” e reiterou a preguntou sobre a permanencia da proba despois dos comicios municipais.