Montse Prado: "Para o goberno galego os centros e residencias de maiores son aparcadoiros de dontes"
Tras a comparecencia da conselleira de Política social, Fabiola García, solicitada dende o mes de setembro pola oposición e a través dunha iniciativa do BNG aprobada por unanimidade na comisión de sanidade, a deputada do BNG, Montse Prado criticou que a conselleira tardara dous meses en render contas ante o Parlamento sobre a situación das residencias de maiores.
Para nacionalista as residencias de maiores convertéronse en “aparcadoiros de doentes” como consecuencia da falta de persoal que impide realizar actividades como a de rehabilitación, a mestura de maiores con problemas psíquicos e en situación de emerxencia social, con persoal que carece da formación específica para esta atención.
Tras saudar aos traballadores e traballadoras das residencias de maiores presentes no debate na tribuna de convidados, a parlamentaria do BNG destacou a “grave situación” do persoal das residencias. Unhas residencias, dixo prometidas polo Partido popular dende o ano 2012, no debate do Estado da nación dos anos 2014 e 2015 e cun anuncio de construción “sete residencias”. Ademais, lembrou que nos anos 2018 e 2019, o presidente da Xunta volveu a prometer as residencias mesmo cun concurso de ideas a través da Abanca. A realidade é que estamos a piques de rematar o ano 2019 e “non hai un só ladrillo colocado” e hoxe vostede anuncia que será a Fundación de Amancio Ortega a encargada de construílas. En opinión da deputada o goberno galego, en troques de xestionar os recursos parece “unha comisión de festas buscando sponsors”.
A parlamentaria cualificou a oferta das residencias de “insuficiente” e con prazas moi por debaixo das ofertadas no resto do Estado. Nestes dez anos, “non crearon unha soa praza pública” e a tramitación para acceder a unha residencia supera á propia lexislación, “seis meses para a adxudicación e tres meses para a concesión de residencia”.
Por outra parte, o persoal das residencias foi recortado en máis dun 7%, a pesar do incremento da carga de traballo. Sobre a situación do persoal explicou que os propios traballadores e traballadoras da consellería levan tempo denunciando a “enorme carga de traballo” e a falta de descanso que provoca un alto número de accidentes. Asemade, no primeiro semestre do ano 2019 foron rexistrados 174 accidentes laborais na Xunta de Galiza, dos que “97 producíronse na consellería de Política social”. Unha sinistralidade “más elevada que no sector de axentes forestais”, afirmou.
A deputada tamén preguntou á Conselleira porqué sigue en suspenso o artigo 19 do V convenio referido aos descansos dos traballadores despois de traballar domingos e festivos, que por outro lado, impide a contratación de persoal para substitucións.
Prado tamén se referiu á eliminación de tres mensualidades no momento da xubilación, problemas á hora de solicitar a conciliación familiar supeditándoa ás necesidades do servizo, así como as reducións de xornada das mulleres con salarios e cotizacións máis baixas. Condenan vostedes ás mulleres “a unha situación laboral moi precaria”, recalcou.
Finalmente, a nacionalista acusou á consellería de Política social de “roubar horas aos traballadores e traballadoras” que situou por riba das dez mil e cominou á conselleira a contratar máis persoal para reverter esta situación.