Montse Prado: “ Galiza precisa emprego, non submisión aos poderes foráneos”

Montse Prado

A nacionalista cualifica de “inxustos, antisociais e contrarios á xeración de emprego” os orzamentos de Traballo e Benestar e acusa ao PP de defender unhas contas que non sacarán a “Galiza da emerxencia nacional” na destrución de emprego

Pleno. A deputada do BNG, Montse Prado emendou hoxe os orzamentos da consellería de Traballo e Benestar e acusou ao Partido popular de utilizar “un corsé restritivo” asumindo un sistema de financiamento inxusto e “suposto déficit” que prexudica gravemente @s galeg@s, “Galiza precisa de maneira urxente crear postos de traballo e non ser submisa coas directrices de poderes foráneos”.

A deputada cuestionou os “froitos” que defende o PP tras a aplicación da reforma laboral, recortes e sacrificios da cidadanía dos que dixo, “non existe ningún dato que corrobore o que vostedes afirman” máis ben todo o contrario, o paro segue subindo, a pobreza aumenta e as persoas cada vez teñen menos poder adquisitivo.

A nacionalista arremeteu contra a política laboral da Xunta de Galiza, con máis de 270.000 desempregad@s, 2.697 sen emprego no mes de novembro, menos afiliados á Seguridade Social e a poboación activa diminuíndo.

Destrución de emprego e precariedade nos contratos

Montse Prado tamén se referiu a precariedade dos contratos laborais e denunciou que máis do 92 por cento son de carácter temporal, o 25% cunha duración menor ao mes , unha de catro persoas contratada temporalmente, o 70 por cento contratos de formación e os desempregad@s cobrando un 12 por cento menos que no ano 2012.

A nacionalista defendeu diversas emendas entre as que salientou dedicar 50 millóns de euros para un Plan extraordinario de fomento do emprego, 20 millóns para a atención á dependencia e 15 millóns para aumentar a Renda de Integración Social.

Galiza cada vez contrata peor, afirmou e unha de cada tres persoas xa non percibe ningún tipo de prestación, “qué vai facer vostede ante esta realidade? preguntou a nacionalista á conselleira de Traballo, Beatriz Mato.

Para a deputada, a negativa do Partido popular a impulsar outras políticas en emprego e benestar só responden a súa intención “privatizadora” dos servizos públicos e instalar a máxima de “calquera salario con calquera condición é mellor que ningún emprego”.

Os traballadores e traballadoras galegas cobran menos e o Partido popular presenta uns orzamentos que persisten en “exprimir aos que menos teñen negándose a recadar impostos onde hai máis recursos”, afirmou.

Emprendemento da emigración para a mocidade

Prado tamén criticou o modelo do Partido popular que defende o exemplo de Amancio Ortega, “ vostedes queren para Galiza que unhas poucas mans acaparen o 50% do PIB no noso país”, dixo, aínda que segan baixando os salarios e as prestacións e as condicións laborais segan no camiño de seren cada vez máis precarias.

O PP ofrécelle á mocidade un plan demográfico e a alternativa do “emprendemento da emigración” responsabilizando aos mozos e mozas de contar cunha magnifica formación pero con dificultades para atopar traballo en Galiza.

Pola súa parte, a portavoz popular, Marta Rodríguez defendeu os plan verdes de fomento de traballo para a xuventude, mulleres e persoas maiores de 45 anos que na quenda de réplica foron duramente criticados pola deputada do BNG, Montse Prado.