Montse Prado:" Con estes Orzamentos o Goberno non aposta pola Sanidade pública galega"
A deputada criticou que medre nun 5,6% o orzamento para altos cargos mentres anuncian novos centros de saúde sen partidas para a súa construción
Montse Prado respondeu ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña que o valor relativo de sanidade segue baixando por debaixo da media dos orzamentos da Xunta e continúan na senda dos recortes e beneficiando a empresas privadas
Na primeira intervención, tras a comparecencia do conselleiro , Prado denunciou que aumente nun 5,6% as partidas para os altos cargos mentres Sanidade aumenta un 4,4% e a metade desta partida será para a concesionaria do hospital de Vigo, ese hospital privado pagado con fondos públicos, cun medre do 200% na colaboración pública-privada, afirmou.
O Goberno galego non aposta pola Sanidade Pública galega
Dende o ano 2009, explicou a deputada, os continuos recortes provocaron na Sanidade pública galega unha perda de máis de mil millóns de euros e con estes orzamentos constatamos que o gasto social medra un 4,4% respecto do conxunto dos orzamentos que é dun 5,5% datos, dixo, que cuestionan a aposta do Goberno pola Sanidade pública. Sobre o incremento da distribución funcional, a deputada asegurou que o conxunto do orzamento sitúase nun 5,3% pero o que absorbe o gasto social está nun 3,7%. Unha cousa dixo, son os discursos e outra moi diferente os números.
A parlamentaria tamén criticou a baixa execución dos orzamentos e reiterou que o valor relativo da consellería baixa tendo en conta que no ano 2015 este valor era 34,4% e neste contexto expansivo, é dun 32,1% o que revela a falta da aposta decidida do Goberno pola Sanidade pública galega.
Asemade cuestionou os obxectivos de sanidade nas prestacións para cronicidade, autocoidados e atención domiciliaria nun país cunha grande dispersión poboacional así como a realidade das listas de espera con derivacións á sanidade privadas e recorrer a convenios con entidades cada vez con menos recursos para atender drogodependencias.
Na quenda de réplica, a deputada reiterou as súas criticas sobre hospital de Vigo centradas nos prazos da concesionaria para facer caixa á conta da saúde dos galegos e galegas, un hospital, dixo, que ia constar 450 millóns e finalmente custará máis de 1350.
Dende o BNG, apostamos pola renovación tecnolóxica no servizo galego público de saúde pero non para beneficiar exclusivamente a empresas privadas, e que decidan como, cando e de que xeito hai que priorizar como ocorre no hospital de Vigo que conta cunha xerencia teórica do Sergas e outra real da concesionaria que é a que manda.
Infraestruturas fantasmas
A parlamentaria tamén se referiu ás infraestruturas afirmando que por moito que as enumere non significa que se vaian facer, de feito, explicou, nin sequera aparecen partidas nos orzamentos destinados aos centros de saúde de Ares, Narón, Grove, Hío, Illa de Arousa ou os centros de alta resolución do Morrazo os grandes ausentes.
O centro privado de Vigo tampouco se fará en Pontevedra porque a cidadanía de Pontevedra demanda un hospital único en Montecelo público e recursos públicos, remarcou.
A deputada asegurou que tampouco será reforzado o persoal e que será devolto menos do 50% da paga do ano 2012. Para a estabilidade do persoal investigador dedican vostedes cero euros nin cubrir o cen por cen das vacantes.
Sobre a atención a mulleres non introducen ningunha melloría igual que sobre a atención á adición e drogodependencia.
Finalmente a deputada pediu ao novo conselleiro de Sanidade que non se referira ao hospital da Coruña como Juan Canalejo pois a denominación mudou hai tempo e chámase, Hospital Universitario A Coruña.