Montse Prado esixe valentía á Xunta para defender a flota pesqueira galega ante o impacto do BREXIT

Montse Prado
  • Foron decisións políticas no Estado español e na UE as que relegaron a Galiza como potencia pesqueira, denunciou

Trala comparecencia da conselleira do Mar, Rosa Quintana para informar do impacto do Brexit, a deputada do BNG e portavoz de pesca, Montse Prado criticou que a conselleira non anunciara as previsións e peso político ao que está disposto a exercer  o Goberno galego para que “Galiza conte con voz  nos foros onde se toman as decisións”.

A deputada aludiu ás negociacións co Reino Unido ás que sumou as dos 27 países da UE onde a día de hoxe, e ante a Unión europea, dixo,  “Galiza sempre saíu perdendo” e as consecuencias do Brexit, afirmou,  terán maior ou menor incidencia negativa para a nosa flota  segundo o resultado das negociacións.

A parlamentaria preguntou á titular de Pesca se o goberno galego comprometíase a defender a pesca galega coa mesma intensidade que empregará o Reino Unido para defender a súa e lembrou que foi precisamente a flota do Reino Unido a que máis reclamou o Brexit ao considerar que a política pesqueira da Unión europea non defendía os seus intereses.

Prado recalcou que resulta “absurdo” que a estas alturas sigamos pedindo ao Estado español que sexa sensible para defender a flota galega nas negociacións con Europa, “hai que facer labores de sensibilización cos comisarios e  comisarias e dentro da U.E” polo que preguntou a Quintana en que consisten exactamente eses labores porque no BNG temos grande preocupación sobre os actores que defenderán a pesca galega ante o Reino Unido. “A Unión europea é responsable da desfeita do sector, de medidas para desguace de barcos e perdida de forza de Galiza no mar” e será precisamente esa Unión europea a que nos defenda, ironizou.

Dende a integración na U.E no ano 76 o sector do mar galego pasou de ser a primeira potencia pesqueira e hoxe é Dinamarca. Isto, dixo, non é por casualidade, é “froito de decisións políticas”. No ano 1973 coa entrada de Gran Bretaña, Irlanda e Dinamarca significou unha nova política na pesca comunitaria e en 1981 Gran Bretaña e Francia derrogaron a liberdade de pesca en augas comunitarias, decisión que foi aceptada polo Estado español. Neste sentido, engadiu  que este novo  marco  supuña que máis da metade das descargas dos barcos  galegos debían facerse en portos do Reino Unido e non en portos españois. “Un marco que establece estados de primeira, de segundo e despois nacións sen estado como é o caso de Galiza”.

A nacionalista tamén se referiu tamén ao principio de estabilidade relativa establecido no ano 1983 que contemplaba os dereitos históricos  o que significa,explicou que mentres outros Estados cun peso menor en pesca  conten co 40% de cota  e o  Estado español cun  o 7%.

 

Montse Prado censurou que a política pesqueira europea non defenda os intereses dos países comunitarios polo que incidiu en que Galiza debe contar cun goberno “valente” para defender o sector do mar, un sector do que viven 120.000 persoas de forma directa e indirecta e nun país con 2.700.000 habitantes e cun volume de negocio que representa a “segunda actividade económica en Galiza”.

 

A parlamentaria rematou a súa intervención salientando que Galiza ocupa o segundo posto do mundo no sector da conserva, a primeira na Unión Europea e no Estado español alcanza o 87% da produción. “Toda esta potencialidade contrasta coa falta de defensa política dos intereses do mar”.