Montse Prado empraza a Comesaña a exercer como conselleiro da sanidade pública e deixar de ser “comercial da privada”
O BNG convida á Xunta do PP a destinar ao sistema público o millón de euros que o Sergas destina cada mes a pagar aos facultativos que traballan na privada
A deputada nacionalista advirte do deterioro continuo da sanidade galega e di que as políticas da Consellería supoñen un risco para doentes e profesionais
A deputada do BNG Montse Prado acusou hoxe ao conselleiro Julio García Comesaña de acudir ao Parlamento “co piloto automático posto” negando o “deterioro continuo” que sofre a sanidade pública, tal e como se volveu poñer en evidencia ao longo deste verán “con centros de saúde que sufriron graves ausencias de profesionais, PACs con quendas enteiras sen médicxs, zonas con gran afluencia sen ningún tipo de reforzo ou ambulancias insuficientes”.
Criticou, neste sentido, que o conselleiro “intente dar unha imaxe de normalidade” cando, dixo, as políticas do Goberno do PP están poñendo en risco a saúde dos profesionais da sanidade e dos doentes, “que precisan aos primeiros en plenitude das súas facultades e non exhaustos día tras día”, asegurou.
Fronte ás denuncias dxs profesionais, dxs usuarios do Sergas e de organismos como Consello de Contas ou o Ces, que teñen posto de manifesto a falta de recursos, “o conselleiro nega a realidade e preséntase no Parlamento en modo piloto automático, comodamente relaxado como quen está comendo pipocas de millo”, dixo.
Emprazouno así a exercer como conselleiro da sanidade pública e a deixar de lado o seu papel como “comercial da privada”, criticando neste sentido que a Consellería facilite profesionais á privada “na vez de premiar e compensar a quen ten un claro compromiso coa sanidade pública”.
Prado preguntou neste punto ao conselleiro en que beneficia á sanidade pública a decisión de pagar o complemento por dedicación exclusiva xs profesionais que desenvolvan a súa actividade tamén na privada, e convidouno a destinar á rede pública o millón de euros que o Sergas destina cada mes a pagar ese complemento.
Durante unha interpelación ao titular de Sanidade, a deputada nacionalista enumerou algúns exemplos da situación vivida durante estes meses na sanidade pública. Aludiu así, entre outros, ao caso do centro de saúde de Marín, onde estiveron días con até seis médicos menos e con esperas de até dúas semanas para obter unha cita. En Cangas, as urxencias quedaron con dous ou con unha soa médica por quenda en agosto e a sobrecarga do servizo de ambulancias fixo que os facultativos tiveran que taxi para atender urxencias sen os equipos precisos.
Tamén subliñou Prado que hai miles de nenos e nenas que non teñen pediatra asignado, que as urxencias de hospitais como o Álvaro Cunqueiro atópanse ao límite, con 13.000 urxencias atendidas en agosto, ou que hai 215.000 galegos e galegas que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, 46.000 que esperan por unha intervención cirúrxica e 250.000 que están pendentes dunha proba diagnóstica.
Prado interrogou a Comesaña polo aumento da xornada laboral dxs facultativxs, cantas horas están a realizar os profesionais da sanidade ao mes ou cal é o número de doentes que atenden cada día. Reclamou así información sobre a “sobrecarga asistencial” dos profesionais e instou ao conselleiro a “non mirar para outro lado”, adoptando medidas para garantir a calidade na atención sanitaria de Galiza.