Montse Prado denuncia a utilización espuria dos cartos do Sergas para favorecer o negocio da sanidade privada
Nove de cada dez euros da contratación pública feita a dedo pola Xunta corresponde ao Servizo Galego de Saúde, segundo os datos de Facenda
“O PP leva 14 anos de goberno actuando de comercial para as empresas privadas, e lévao facendo con escurantismo e sen transparencia”, asegura
A deputada do BNG Montse Prado denunciou este xoves o “uso espurio” dos cartos do Servizo Galego de Saúde (Sergas) mediante contratos menores e sen publicidade para favorecer o negocio da sanidade privada en detrimento da pública. “O PP leva 14 anos actuando de comercial das empresas privadas e lévao facendo con escurantismo e sen transparencia, deteriorando a sanidade pública mentres fan negocio uns poucos”, manifestou durante a súa intervención na Comisión de Sanidade do Parlamento.
Montse Prado denunciou en concreto o abuso de contratos que limitan a concorrencia entre as empresas. Neste sentido, referiuse ao balance de contratación pública da Xunta correspondente ao ano 2022, elaborado pola Consellería de Facenda e segundo o cal “nove de cada dez euros da contratación pública feita a dedo pola Xunta corresponden ao Sergas”, apuntou.
“O aumento continuo e constante ao recurso das contratacións a dedo mostra unha vontade clara de agochar a que e, sobre todo, a quen se destinan os cartos públicos”, afirmou logo de constatar que o pasado ano 889 millóns de euros do Sergas foron pola vía dos contratos menores e negociados sen publicidade, o 90 %.
A deputada do BNG fixo tamén mención ao último informe do Consello de Contas que, entre outras cuestións, certifica que “persiste a opacidade e falta de transparencia”, pois unha parte importante das contratacións do Sergas evitan a concorrencia competitiva. Segundo o ente fiscalizador do gasto público, salientou Prado, o Sergas está a utilizar autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación “de forma directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato”.
O Consello de Contas pon ademais de manifesto que hai determinados servizos para os que o Sergas recorre de maneira reiterada ás autorizacións de uso, ou que no 15 % do orzamento destinado a concertos o Sergas utilizou un fraccionamento dos importes para dar cobertura ás prestacións “en lugar de tramitar o correspondente procedemento ou modificar, no seu caso, o contrato en vigor”.
Destaca, por outra banda, o recoñecemento de obrigas en varios centros onde non consta a existencia de ningún marco contractual que o soporte. Neste punto, a deputada nacionalista aludiu, a modo de exemplo, a partidas destinadas ao Centro Médico El Carmen, ao centro Cosaga, ao hospital Quirónsalud Domínguez ou a Povisa.
“Hai sospeitas máis que razoables que os contratos menores, os negociados sen publicidade, as autorizacións de uso, os fraccionamentos dos contratos... supoñen unha utilización espuria e conforman un ecosistema perfecto para facer uso dos cartos públicos sen render contas”, incidiu.
A voceira de Sanidade do BNG advertiu ademais de que as modificacións de crédito deixan ao descuberto o aumento de partidas destinadas a concertos coa sanidade privada, “o que tira por chan -agregou- o discurso do PP de que destinan menos orzamentos para concertos que o bipartito”. Segundo os datos expostos por Prado, só neste ano as partidas para concertos do Sergas aumentaron respecto ao inicialmente previsto nos orzamentos en trece millóns de euros, dos que foron para Povisa.
A deputada do BNG deu por desmontado ademais o discurso de que o Goberno do PP aposta pola atención primaria, pois, segundo expuxo, “non só non aumentan o seu orzamento, que é raquítico e escaso, senón que logo do que pintan no presuposto, detraen recursos para a atención hospitalaria”. O pasado ano foron derivados máis de 1,6 millóns de euros de Primaria a Hospitalaria.
Na formulación da súa pregunta á xerente do Sergas, Estrella López Pardo, Montse Prado esixiu “luz e taquígrafos” sobre as contratacións e que “rematen, dunha vez por todas, coa derivación permanente de recursos públicos cara a sanidade privada”.