Montse Prado denuncia o escurantismo do Sergas sobre a “riada de cartos” destinados ao concerto con Povisa
A deputada do BNG acusa ao PP de permitir que a empresa “siga acumulando máis e máis beneficios a costa dos impostos dos galegos e as galegas”
Critica o “modelo de dúas velocidades” a consecuencia dun concerto que é “unha auténtica anomalía”, con peor atención sanitaria en Povisa que na pública
A deputada do BNG Montse Prado denunciou o “escurantismo” que segue a manter a Consellería de Sanidade sobre a “riada de cartos” destinados a Povisa a través dun “concerto singular” que, dixo, “é unha auténtica anomalía e impón un modelo de dúas velocidades na área sanitaria de Vigo, con peor atención sanitaria neste centro privado que na pública”.
Montse Prado fixo esta denuncia na Comisión 5ª do Parlamento logo de negarse a secretaria xeral de Sanidade, Natalia Lobato, a dar o dato preciso de cal é o orzamento total que o Sergas destina ao hospital privado, obxecto da pregunta formulada pola deputada nacionalista.
Na súa intervención, Prado denunciou que este centro é “un saco sen fondo ao que o PP destina cada ano máis e máis cartos sen ningunha transparencia”, até o punto -engadiu- de que nos orzamentos da Xunta para 2024 non figura unha partida concreta, “nin tan sequera aparece a palabra Povisa”.
Precisou, neste sentido, que ademais dos arredor de 80 millóns de euros anuais que recibe polo convenio asinado no 2014 e prorrogado ata o verán de 2024 para atender a preto de 130.000 doentes, o Sergas foi negociando modificacións e acordos en beneficio do hospital, que se ve favorecido, por exemplo, polas condicións económicas da pública para mercar fármacos e materiais. Ademais, é o Sergas quen asume o pago da medicación ambulatoria e de alto impacto, así como próteses e implantes. Tamén recibe recursos adicionais para rebaixar as “avultadas” listas de espera.
“A isto aí que engadir modificacións de crédito, como a realizada por case 12 millóns de euros sacadas de partidas destinadas a hospitais públicos e que se destinan a este hospital privado”, engadiu Prado.
Segundo sostivo, este “enorme trasvase de cartos públicos” non está significando unha maior calidade asistencial nin tampouco mellores condicións laborais ou salariais” para as 1.400 persoas que integran o seu cadro de persoa e que sofren dende hai anos unha “vulneración constante” dos seus dereitos.
“O PP actúa como facilitador da sanidade privada a costa da pública”, denunciou a deputada do BNG, para quen a Xunta, lonxe de ter actuado para garantir un uso correcto dos orzamentos públicos, “ten feito todo o contrario”, actuando de maneira continua para capitalizar “aínda máis” a Povisa, “para facilitar a súa venda á multinacional estadounidense Centene e agora á multinacional francesa Vivalto Santé”. “Multinacionais que só buscan o negocio a costa da saúde dos galegos e as galegas”, denunciou.
Montse Prado volveu pedir a Sanidade unha auditoría para saber con exactitude a totalidade do orzamento público que se destina a Povisa, se os cartos do concerto se destinan á prestación sanitaria pública ou para atender tamén á parte privada, e sobre a calidade asistencial que presta. Ante o “escurantismo” do Goberno que preside Alfonso Rueda, lembrou que “os orzamentos da Xunta non son do PP, páganos todos os galegos e todas as galegas”.
Na súa quenda de réplica, aproveitou para reclamar que se poña fin a esta situación coa absorción do hospital por parte do Sergas e así, dixo, garantir a igualdade de condicións na prestación sanitaria para todas as persoas da área sanitaria de Vigo”.
A deputada nacionalista finalizou a súa intervención acusando ao PP de “permitir que a empresa acumule máis e máis beneficios a costa dos impostos de todos os galegos e as galegas” e de “vender Galiza por lotes a todos os niveis” .