Montse Prado denuncia as “consecuencias fatais” da falta de ambulancias durante este verán e urxe á Xunta máis recursos
A deputada do Bloque considera “demoledor” o informe do Consello de Contas que conclúe que en 198 concellos os tempos de resposta das ambulancias medicalizadas están por riba do máximo establecido, triplicándose nalgún caso
“O factor tempo na prestación de asistencia pode marchar a diferencia entre a vida e a morte, ou entre que a unha persoa lle queden ou non secuelas”, advertiu
A deputada do BNG Montse Prado reclamou hoxe á Xunta do PP que mire máis aló das “frías estatísticas do papel” e comece a asumir a realidade, “con nome e apelidos”, dos efectos que ten na poboación a falta de medios para a atención das urxencias médicas, nomeadamente no que se refire ao persoal sanitario e ás ambulancias do 061.
Durante a formulación dunha pregunta na Comisión 5º, Prado enumerou algúns dos casos que se viviron este verán con consecuencias máis graves. No Salnés, “o quilómetro 0 da desatención sanitaria”, a ambulancia medicalizada existente foi trasladada durante os meses estivais a Sanxenxo, sen ampliar o servizo. Os efectos foron “fatais” para a veciñanza, denunciou Prado, referíndose en concreto ao caso dunha muller de 52 anos que faleceu en Vilagarcía por parada cardíaca sen que puidese ser asistida nin por ambulancia de SVA nin de SVB (a de soporte vital avanzado estaba Sanxenxo e o resto, ocupadas).
En Vilanova, tamén no Salnés, houbo tres mortes nun só día sen que chegara a ambulancia a tempo e en Vilanova, no caso dunha persoa falecida tras un accidente marítimo, “cando chegou o vehículo de Soporte Vital Avanzado (SVA), con base en Sanxenxo, non se puido facer nada”.
En Sanxenxo, na Vichona, rexistrouse un accidente de tráfico no que faleceu unha persoa e para o que se tivo que desprazar unha ambulancia medicalizada desde Pontevedra que tardou 50 minutos, denunciou tamén a deputada do Bloque.
Montse Prado puxo aínda máis exemplos. A falta de ambulancias do 061 obrigou ao persoal sanitario a acudir en taxi para atender o grave accidente das Festas do Cristo de Cangas, para o que se tivo de desprazar unha ambulancia dende Mos sen todos os recursos necesarios. Na Estrada, dúas mulleres que sufriron un accidente de tráfico tiveron que esperar á choiva durante unha hora e dez minutos, a primeira, e ata unha hora e corenta minutos a segunda. En Lugo, as SVB estaban ocupadas cando se produciu un accidente na estrada no que morreron dúas persoas. Neste caso os recursos tardaron en chegar uns 40 minutos.
“Estes son algúns dos casos que tiveron eco mediático, máis infelizmente son moitos máis que non saltan aos medios de comunicación”, lamentou a deputada do Bloque durante a súa intervención na Comisión de Sanidade, á que levou as conclusións do “demoledor informe” feito polo Consello de Contas sobre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza 061.
Un informe que ratifica as denuncias feitas polo BNG dende hai tempo sobre “un servizo de transporte sanitario urxente de baixa calidade, déficits históricos de persoal e dispositivos que colapsan o servizo por falta de vehículos e equipos humanos”, subliñou a deputada nacionalista, engadindo que, segundo conclúe o Consello de Contas, “non se logra que a asistencia dos recursos se realice en condicións de equidade, adaptadas ás características do territorio” nin nas ambulancias de Soporte Vital Básico (AA-SVB) nin nas de Soporte Vital Avanzado (AA-SVA) nin nos helicópteros.
Entre outros datos do informe do ente fiscalizador, salientou que en 198 concellos, nos que viven 592.000 habitantes (o 22% da poboación galega) os tempos de resposta das AA-SVB están por riba do máximo establecido (15 minutos), chegando case a triplicar os tempos. Ademais, agregou Prado, hai comarcas enteiras que non contan coa dotación de Soporte Vital Avanzado, como Valdeorras, Bergantiños, Baixo Miño, Barbanza ou Lalín.
O tempo de resposta medio das ambulancias está en máis de 31 minutos e en 76 concellos aínda está por enriba da media, como sucede en A Baña, Betanzos, Cangas, Carballo, Chantada, A Estrada, Forcarei, Lalín, Moaña, Monterroso, Noia Ourol, Pazos de Borbén, As Pontes, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, O Vicedo, Vilalba ou Viveiro, sempre segundo o informe do Consello de Contas. Hai incluso 137 concellos que non recibiron ningún servizo da ambulancia medicalizada.
“Non son frías estatísticas nun papel, son persoas con nomes e apelidos, con familias que sofren as consecuencias”, apuntou a deputada do BNG, quen lembrou que “o factor tempo na prestación de asistencia pode marcar a diferencia entre a vida e a morte, ou que a unha persoa lle queden secuelas ou non”. “Son precisas medidas de inmediato”, finalizou Prado.