Montse Prado culpa á Xunta de aliarse co Goberno central para propiciar a desaparición do xeito
Critica que Feixóo non use as competencias en augas interiores para defender ao sector, que interpuxo un recurso ante o Ministerio de Pesca
Tras o peche da pesquería da sardiña decretado por sorpresa polo Goberno do Estado en xullo pasado, a portavoz parlamentaria de Pesca, Montse Prado, denuncia que a situación non fixo máis que empeorar e acusa á Xunta de complicidade co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en contra da frota artesanal do xeito.
“Entre a Xunta e o Goberno do Estado están levando ao sector do xeito a súa desaparición”, salientou Prado, moi crítica coa inacción do Executivo de Feixóo á hora de defender os intereses deste sector que aglutina a 427 embarcacións do xeito e unha ducia de racús, cuxas artes minimizan o impacto ambiental e se caracterizan polo seu carácter sustentable.
Prado recalcou que a desprotección a frota do xeito prodúcese pese a que Galiza ten competencias en materia de augas interiores, desidia do PP que levou aos afectados a tomar a iniciativa.
“E o sector quen presenta un recurso para plantarse ante o Ministerio de Pesca, para lembrar que Galiza ten as competencias en augas interiores que confire o Estatuto de autonomía e avalan sentenzas do Tribunal Constitucional, un recurso no que denuncian que as porcentaxes adxudicadas ao xeito, -inferiores ao 3%-, son irrisorias e ridículas, non lles permiten ter unhas rendas mínimas e conducen ao sector á desaparición”, argumentou Prado.
O Bloque salientou que a rectificación de Madrid ao levantar o peche da pesquería da sardiña non aporta solución algunha, posto que a orde de reapertura do 1 de agosto pasado supón eliminar o permiso de explotación pesqueira (PERMEX) a 236 embarcacións, xunto co feito de se reabre cunha “ridícula cifra” de 20.000 toneladas, o que equivale a 50 ou 60 quilos por tripulante, “que xa me dirá a Consellería de Pesca que rendas dignas se poden acadar nesta situación”, interpelaba Prado.
A supresión desas 236 embarcacións “é unha tropelía do Estado co sector ante a que a Consellería de Pesca non pode quedar cruzada de brazos”, reclamou, tras insistir na incompetencia da Xunta para defender á frota do xeito. “Temos un goberno totalmente ausente que, en conivencia co Goberno español, permite a desaparición progresiva da arte do xeito que é tan importante para localidades como Rianxo, Cambados, Arousa ou Redondela”, criticou a deputada por Pontevedra.