parlamento galego

Montse Prado considera fracasadas as ‘medidas escaparate’ de Sanidade e acusa ao PP de poñer en risco a saúde das galegas e dos galegos

Montse Prado

Denuncia situacións como a vivida en Vilagarcía, onde a ambulancia SVA  tardou máis de 25 minutos en atender a un veciño en parada cardíaca

Advirte que a excepcionalidade de derivar profesionais ás zonas máis  tensionadas está a deixar sen médico centros de saúde sobre todo no rural

A portavoz de Sanidade, Montse Prado, denunciou que “como era de prever” as “medidas escaparate” postas en marcha pola Xunta do PP diante da “situación de emerxencia na que se atopa a sanidade pública”  non están dando resultado, como se constata na falta de médicos nas zonas con máis afluencia turística do País pero, sobre todo, nos centros de saúde máis pequenos, que seguen a ser os máis damnificados.

 

 

“A política sanitaria do PP pon en risco a saúde e a vida dos galegos e as galegas”, denunciou a deputada nacionalista nunha rolda de prensa na que avaliou as medidas excepcionais postas en marcha por Sanidade, como contratar médicos sen especialidade de familia, recorrer a médicos MIR que precisan formación e que só están traballando en centros grandes ou a decisión de derivar profesionais ás zonas tensionadas deixando centros de saúde, sobre todo no rural, sen ningún médico.

Ademais de denunciar que hai comarcas enteiras sen atención pediátrica, Montse Prado referiuse a casos concretos que se están a vivir este verán, con centros de saúde sen médico, como acontece en Cotobade-Tenorio, Ribeira de Piquín, Nadela ou Negueira de Muñiz. Situacións tamén como a do hospital da Mariña, coa planta de medicina interna pechada, un só urólogo que non se substituirá cando estea de vacacións, e un só cardiólogo. Neste hospital, os pacientes teñen que agardar até sete horas para ser atendidos e hai “derivacións continuas” para ingresos no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, a 100 quilómetros e hora e media de viaxe.

Na mesma comarca, en Barreiros, que pasa aumenta a poboación de 3.000 habitantes a 12.000 habitantes, o cadro de persoal tiña que ser de tres médicos, pero só hai dous e cando collan vacacións non hai previsión de substitución, exemplificou.

Situacións semellantes danse na área sanitaria de Vigo, sen reforzos de costa malia gran afluencia de visitantes, o que fai que algúns centros queden sen asistencia nas quendas de tarde. En Ponteareas, concretou, hai oito médicos cando debería haber quince, e na Guarda traballan tres cando deberían ser oito.

A deputada nacionalista fixo especial fincapé na situación “inaceptábel” que se rexistra na atención ás urxencias extrahospitalarias na comarca do Salnés, motivada en boa parte pola decisión de Sanidade de trasladar no verán a ambulancia medicalizada (SVA) da súa base no hospital do Salnés a Sanxenxo, “onde evidentemente o reforzo é necesario, pero non pode ser a costa de deixar desatendida unha poboación como Vilagarcía”, criticou.

Montse Cadro alertou, neste sentido, de situacións como a vivida este pasado sábado, día 21, cando a ambulancia tardou desde Sanxenxo máis de 25 minutos en chegar a Vilagarcía para atender a un home de 42 anos que sufriu unha parada cardíaca e que, non caso de que a ambulancia estivera na súa base habitual, podería ser atendido en cinco minutos.

“Diante do aviso de parada, o 061 mobiliza a ambulancia de Soporte Vital Básico, que ten que ir ao centro de saúde a recoller ao persoal para ir ao domicilio, a onde chega en 15 minutos, e mobiliza tamén a ambulancia de Soporte Vital Avanzado, que está en Sanxenxo. Polo tanto, non foi até media hora máis tarde do aviso cando este doente, que finalmente faleceu no hospital de Santiago, recibe as actuacións expertas do persoal da ambulancia SVA, que é o que dispón de medicación ou material para intubación”, explicou sobre este caso a deputada.

Denunciou ademais que Sanidade permita á empresa concesionaria dos helicópteros para emerxencia incumprir as horas do contrato, o que tamén ten consecuencias porque “de estar operativo o helicóptero desde as oito da mañá teríase que ter activado para ir a Vilagarcía e tardaría arredor de 10 minutos e non media hora da ambulancia desde Sanxenxo”, engadiu.

“Este é un claro exemplo do que acontece coas decisións que toma o PP”,  subliñou, para a continuación amosar a preocupación pola situación actual pero tamén por que non hai “máis folla de ruta para despois do verán que seguir coa improvisación e seguir facilitando o negocio ás empresas privadas”. “Canto peor lle vai á sanidade pública, mellor lle vai á privada”, agregou, para acusar ao PP de dirixir “todo o seu esforzo” a que “os galegos e as galegas asumamos como normal unha situación inaceptábel”.

Prado reclamou ao Executivo de Rueda que “rectifique e empece a exercer de goberno de Galiza” en materia sanitaria, cun aumento do orzamento como mínimo de 200 millóns de euros para na media do Estado, rematando coa política de precariedade do persoal sanitario, elaborando con urxencia un plan de recursos humanos, incorporando á carteira de servizos de Atención Primaria  categorías imprescindibles como psicoloxía, terapeutas ou logopedas, ou poñendo en marcha a carteira de servizos e recoñecer o mapa de competencias de cada categoría profesional.