Montse Prado ao PP: “O Deza quere unha ambulancia medicalizada, deixen de enganar á veciñanza”
A portavoz de sanidade, Montse Prado, volveu levar ao Parlamento a reclamación de sumar unha ambulancia medicalizada para a comarca do Deza, vella demanda da veciñanza e d@s profesionais, cuxa necesidade quedou dramaticamente constatada fai apenas dous meses tras o falecemento dunha persoa mentres esperaba en Dozón a chegada dun servizo de transporte urxente que tardou máis de 50 minutos en chegar.
“Urxe a dotación dunha ambulancia de soporte vital avanzado porque nunha situación de emerxencia o tempo marca a diferencia cando se trata de distancias longas de desprazamento até o centro de saúde ou desde este a un centro hospitalario de referencia, neste caso Santiago, co cal o tempo se alonga”, explicou Prado, “e todo isto sen ter en conta que os efectivos estean ocupados”.
Neste contexto, o último concurso de contratación de servizo de transporte sanitario urxente recolle unha ambulancia para Lalín de soporte vital básico clase B e se valora a aportación de vehículos adicionais de apoio cun grado de dispoñibilidade do 70%, apoio que xa existiu até decembro de 2018, e que os profesionais describen como “ambulancia que podería servir para o reparto do pan e que incluso había facultativos que nin se querían subir nela porque era imposible atender ás persoas doentes”, denunciou Prado ante o xerente do SERGAS.
“A conclusión é que están tentando enganar á veciñanza da comarca de Lalín, porque non hai nada a maiores en materia de transporte sanitario urxente e o que pretenden trasladar como mellora é unha ambulancia de apoio totalmente básica que, ademais, só ten unha dispoñibilidade do 70%”,criticou.
A realidade é que a poboación seguirá estando “en descuberto”. “Teñen que dotar de máis recursos á comarca do Deza e deixar de enganar á poboación dicindo que hai unha ambulancia a maiores cando non é certo, menten empezando polo presidente da Xunta en sede parlamentaria. O que ofrecen é un vehículo de apoio no que os profesionais moitas veces non quere nin subir. Rectifiquen ou se demostrará que están mentindo”, denunciou.
De feito, alegou Prado, as propias condicións da adxudicación de servizo recollían no punto catro que as ambulancias non asistenciais, “non están acondicionadas para a asistencia sanitaria en ruta”.