Miranda propón enfrontar a homofobia e defender os dereitos do colectivo LGTBI tamén na Eurocámara

“Ás lesbianas fáltalles un cromosoma que explica o seu comportamento non normal e a homosexualidade é contaxiosa”.

Afirmacións coma estas, incluso pronunciadas por responsables políticos, académicos ou desde a oficialidade da Igrexa, revelan a discriminación que sofren miles de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI) pola súa orientación social, discriminación que denuncia a mocidade do BNG nun acto reivindicativo coa candidata nacionalista ás europeas, Ana Miranda.

“Non é casual que elixíramos como lugar da nosa protesta este espazo diante da Sede do Arcebispado en Santiago para dicirlle á Igrexa e ao PP que non vale cercear máis os dereitos e liberdades sexuais da mocidade galega”, subliñaba Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, tras explicar a “dura realidade da discriminación con cifras tan crúas como as que indican que un 40% da mocidade LGTIB declara ter realizado polo menos unha tentativa de suicidio”.

“A liberdade sexual e reprodutiva deben ser protexidas ante gobernos retrógrados e como eurodeputada formei parte do Intergrupo LGTBI da Eurocámara para canalizar as iniciativas do BNG a prol dos dereitos deste colectivo tamén no Parlamento Europeo”, explica Miranda no acto de protesta no que @os moz@s amosaron fotografías con imaxes que amosan esas relacións persoais que son discriminadas.

Homologar dereitos na UE

Neste sentido, Miranda anunciou que o BNG vai solicitar no Parlamento Europeo que se garanta o recoñecemento entre os Estados da UE das disposicións normativas sobre cohabitación, parellas de feito ou matrimonios de persoas do mesmo sexo, e que se introduzan procedementos legais de recoñecemento de xénero por cambio de sexo e se eliminen as restricións para a libre circulación dentro da UE, con casos frecuentes en compañía aéreas.

Miranda fixo fincapé na necesidade de “homologar” os dereitos deste colectivo dentro da UE e tamén os delitos con sentenza, de tal xeito que, por exemplo, se alguén está condenado por homofobia figure como tal nos antecedentes penais en calquera outro estado membro.

Igualmente, a candidata nacionalistas ás europeas anuncia que o BNG proporá que a Organización Mundial da Saúde (OMS) elimine o que denomina “identificación de trastornos de identidade de xénero” da lista de trastornos mentais, na Clasificación Internacional de Doenzas.

Unha de cada dúas persoas deste colectivos en Europa síntese discriminada ou acosada pola súa orientación sexual, unha de cada tres foi discriminada no acceso a bens e servizos, unha de cada catro foi fisicamente atacada e unha de cada cinco foi discriminada no emprego.

“Apostar pola igualdade real de todas as persoas con independencia da súa orientación sexual, nas rúas, nas escolas, nos centros de saúde e de traballo e nas casas”, conclúe Miranda.