Miranda presenta recurso ante a Comisión Europea para reclamar a difusión do informe sobre Angrois

Ana Miranda, portavoz BNG en Bruxelas ante a sede da Comisión Europea

O BNG está disposto a esgotar todas as vías posibles para que se faga público o informe realizado pola Comisión Europea sobre o accidente de Angrois, e ven de presentar un recurso ante a Unidade de Transparencia da Secretaria Xeral da Comisión Europea, despois de que o Goberno da UE desestimase a petición do Bloque de facer público ese informe sobre o sinistro do Alvia.

Momentos despois de rexistrar o escrito de reclamación, a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, salientou que os argumentos da Comisión Europea para rexeitar a súa petición “non son de recibo, pois o BNG considera que a divulgación dese informe da Axencia Ferrroviaria Europea ten un enorme interés público que é aprender da traxedia para evitar novos accidentes deste tipo e ningún interese pode estar por riba do de salvargadar vidas”.

“Ademais, o informe que a Comisión se nega a difundir mesmo rexeitando a petición da asociación de vítimas, pode contribuir ao esclarecimento da verdade e ter repercusión non só no ámbito das responsabilidades políticas senón tamén no ámbito xudicial”, indicou Miranda.

Hai que lembrar que o BNG organizou o pasado 17 de novembro de 2015 unha visita a Bruxelas de representantes da Plataforma de vítimas do alvia 04155, onde tiveron oportunidade de reunirse con responsables comunitarios en materia de seguridade ferroviaria, que se comprometeron a preparar un informe sobre a investigación do accidente tras coñecer da man da plataforma elementos novos que cuestionaban a independencia da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF).

Para xustificar a súa negativa a difundir o informe a Comisión Europea alega, precisamente, que ten aberto un procedimento de infracción comunitario contra o Estado español por considerar que este incorre en ilegalidade na trasposición da Directiva de Seguranza Ferroviaria de 2004. Unha directiva que establece a obrigatoria independencia das comisións que investigan accidentes ferroviarios, que cuestionan no caso da CIAF, ao estar integrada por responsables directos de Adif, Renfe e do Ministerio de Fomento, onde ten a súa sede.