Miranda na asemblea da ALE en Córcega: "NON no nome das nosas nacións á atrocidade @s refuxiad@s"

Ana Miranda na asemblea anual da ALE en Córcega

O BNG participa na asemblea anual do partido político europeo Alianza Libre Europea (ALE) que este ano se celebra en Córcega coa crise dos refuxiados como tema central de análise e debate político, nun conclave inaugurado pola ministra corsa do Partitu da Nazione Corsa, Fabienne Giovaninni.

A portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda, respresenta ao Bloque neste cumio baixo o lema Aiò ch´hè ora! Agora é a hora, que tamén foi a mensaxe de campaña da coalición nacionalista de esquerdas que tivo un triunfo histórico nas pasadas eleccións de decembro en Córcega, dando paso a un executivo que aposta polo autogoberno e a autodeterminacicón do pobo corso.

Na asamblea participan 150 representantes das 45 nacións sen estado, rexións e entidades territoriais que forman parte da ALE, formación á que pertence o BNG desde 1999. Ademais, celébrase conxuntamente a asamblea da mocidade da ALE e do Centre Maurits Coppieters, fundación ligada ao partido europeo á que pertence a fundación do Bloque Galiza Sempre.

Representantes da Europa dos Pobos defenderán en Corcega alternativas contra a Europa da austeridade, na defensa do dereito de autodeterminación das nacións como Galiza e varias mocións contra a actual política de migración e asilo, nomeadamente centradas no vergoñento Acordo UE-Turquía.

Miranda, en nome do BNG, defenderá un paquete de mocións conxuntamente con ERC, Aralar e EA sobre a situación de asedio na que vive o pobo curdo, sobre o pobo Palestino e sobre o abandono de 40 anos que sofre o Sahara Occicental, reclamando seu dereito de autodeterminación.

A portavoz nacionalistas en Bruxelas declarou na súa intervención que “a solidariedade europea das nacións integradas na ALE vai dicirlle á Unión Europea que nacións como Galiza non queremos que no noso nome sexa cometida unha atrocidade humanitaria como a que se está cometendo coas persoas desprazadas e refuxiadas en Europa”, alegou. “Temos a obriga de ser solidarias con outros Pobos e condenar a política imperialista que provoca guerras e conflitos armados”, proclamou.