Miranda leva a Lei Wert ante a Comisión Europea

Miranda mantivo unha reunión con Androulla Vassiliou, a quen reclamou igualdade de dereitos para os falantes das linguas cooficiais

"É un anteproxecto de lei ideoloxizado que pretende facer retroceder ao galego"

A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, denunciou ante a comisaria europea de Cultura, Educación e Multilingüismo, a chipriota Androulla Vassiliou, o "ataque" aos dereitos dos falantes de galego que supón o anteproxecto de Lei orgánica de mellora da calidade educativa (LOMCE), tamén coñecida como Lei Wert.

Miranda explicou ante a comisaria que a aplicación do polémico anteproxecto terá "consecuencias moi negativas" tanto para a aprendizaxe do galego como idioma propio de Galiza, como para o uso do galego como lingua de ensino dentro do sistema educativo."É un anteproxecto de lei ideoloxizado que pretende facer retroceder ao galego e ás outras linguas cooficiais do Estado español", recalcou na reunión coa comisaria, á que tamén asistiron eurodeputados cataláns do Grupo Verdes/ALE, ALDE e S&D.

Neste sentido, o BNG solicitou a Vassiliou que a Comisión Europea garantice o cumprimento da Carta Europea das Linguas subscrita polo Estado español, que está en vigor desde 2001, onde se recolle o compromiso de eliminar calquera restrición ou dificultade no uso dunha lingua cooficial.

"Este anteproxecto de Lei Wert crea un problema que non existía, minoriza o uso do galego no ensino e supón un ataque frontal contra a realidade plurilingüística de Galiza ademais de ser unha invasión de competencias. Estamos nunha Europa multilingüe e o galego forma parte desta Europa”, expuxo Miranda.

O BNG xa ten solicitado a retirada da proposta lexislativa e a reprobación do ministro impulsor dun texto que cualifica de “centralista e retrógrado”. Por contra, a formación nacionalista defende un modelo educativo público, laico e de calidade, na que os alumn@s podan aprender na súa propia lingua.

Durante o encontro con Vassiliou, Miranda fixo entrega á comisaria dun exemplar ilustrado da obra Follas Novas de Rosalía de Castro, "a quen orgullosamente podo definir como unhas das grandes voces poéticas da literatura universal", explicou a eurodeputada á comisaria europea de Cultura, Educación e Multilingüismo.