Miranda insta a Sánchez a cumprir a normativa europea de seguridade ferroviaria e de loita contra o fascismo
A eurodeputada do BNG urxe a corrixir os orzamentos do Estado e investir en Galiza igual que no resto dos territorios como Andalucía
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que a intervención do presidente do goberno español esta mañá na sesión plenaria da Eurocámara “resultou coxa” posto que pese a facer alarde de europeísmo non concretou como vai executar o cumprimento de normativa comunitaria en diferentes temas, entre os que Miranda destaca a seguridade ferroviaria e a loita contra o fascismo.
“Que vai facer para que o Estado español cumpra a normativa de seguridade europea? Diferénciese de Rajoy abrindo unha investigación como xa lle pediu a Comisaria de Transporte da UE”, manifestou a eurodeputada galega, quen lembrou que xa hai “cinco largos anos que seguimos esperando unha investigación sobre o accidente do tren Alvia en Angrois”.
Miranda recorda que o tren foi inaugurado sen facer o control integral de riscos que esixe a normativa europea de seguridade ferroviaria e que a Comisión Europea está pendente de dar resposta ao recurso presentado contra Estado por infracción desa normativa. “Tivo que ser Europa quen dixera que a investigación non foi independente”, subliña a deputada nacionalista.
Por outro lado, Ana Miranda, insta ao goberno español a cumprir a “Resolución contra o avance do neofascismo” aprobada o pasado 25 de outubro do Parlamento Europeo para que poida executar a ilegalización da Fundación Franco. “Dado o avance do neofascismo, e en Andalucía temos un exemplo claro, é prioritario cortar de raíz toda condescendencia coas entidades que non respectan os dereitos e incitan ao odio e frear a impunidade”, urxe a deputada.
“Sr. Sánchez, neste tema tamén ten a oportunidade de diferenciarse do PP, do Sr. Rajoy, do Sr Feijoo e do Sr Casado, que amparan a familia franco e os crimes do franquismo co seu silencio”, manifesta Ana Miranda, quen salienta que a Fundación da familia é a xestora do Pazo de Meirás.
Graves recortes
A respecto dos orzamentos do Estado para 2019, a eurodeputada nacionalista denuncia a falta de investimentos para Galiza, “rebaixándoos até límites insospeitados” ao supoñer un recorte do 19%. “É evidente que se nota a ausencia do BNG á hora de conseguir investimentos para Galiza”, salienta Ana Miranda. Ao respecto, insta ao goberno estatal a corrixir eses recortes e contemplar investimentos en Galiza igual que no resto dos territorios “posto que as necesidades de Galiza non desapareceron”, en referencia a modernización do tren, o saneamento das rías o rescate da AP9 ou o fomento do emprego.
Durante a lexislatura na que o Bloque condicionou os orzamentos do Estado, en Galiza os investimentos territorializados chegaron a superar os 2.000 M€ fronte aos 750 M€ actuais, que é a menor cifra en dezasete anos. “Trátase duns recortes que non se poden consentir”, sinala Miranda neste sentido.
Para o BNG “non é de recibo” que a discriminación de Galiza se pretenda xustificar alegando a conclusión do AVE, xa que en Andalucía o AVE leva máis de 25 anos rematado é o investimento do Estado en 2019 medra un 43,5%. “Queremos ter o mesmo trato que Andalucía, por exemplo”, afirma a eurodeputada do Bloque.